Noticias

Crece a expectación ante a xornada sobre o teletraballo con perspectiva de xénero da Escola de Igualdade María Vinyals

En tan só 48 horas case un centenar de persoas inscribíronse para este webinar que contará con expertas como Teresa Empar, Maite Egoscozabal e Ana Belén Valiño


06 xullo 2020

A preocupación sobre as consecuencias que pode ter o teletraballo nas conquistas profesionais e sociais das mulleres é un feito. Case un centenar de persoas xa se inscribiron esta fin de semana para a xornada organizada pola Deputación de Pontevedra sobre "Teletraballo. Novas tecnoloxías con perspectiva de xénero", que se celebrará este xoves en formato on line. A videoconferencia comezará ás 10.00 horas, a través de Zoom, e está enmarcada na programación da Escola de Igualdade María Vinyals.

O webinar estará moderado pola xornalista Ana Fuentes, e contará con mulleres expertas moi relevantes que reflectirán sobre a implantación cada vez maior do teletraballo e a necesidade de que se faga con perspectiva de xénero e corresponsabilidade nos coidados que ata agora, maioritariamente, estiveron en mans das mulleres, como xa sucedeu durante o confinamento. Na xornada, amais da presidenta provincial Carmela Silva, participarán Teresa Empar Aguado,  profesora do Departamento de Socioloxía e Antropoloxía Social da Universitat de Valencia; Maite Egoscozabal, responsable de investigación social no Club de Malasmadres e na Asociación Yo No Renuncio; e Ana Belén Valiño, secretaria xeral da MCA- UGT cunha ampla experiencia no mundo sindical.

As persoas interesadas en participar nesta webinar da Escola de Igualdade María Vinyals poderán facelo mediante a súa inscrición a través de www.depo.gal. A Deputación organiza habitualmente xornadas formativas no Castelo de Soutomaior, impulsadas pola Escola de Igualdade, pero este ano debido á crise sanitaria reformúlase esta actividade para funcionar en formato online.

Webinar Teletraballo - Novas tecnoloxías con perspectiva de xénero


Novas relacionadas