Noticias

#COVID-19 A Deputación pon cerca de 750.000 euros ao dispor dos concellos da comarca de Vigo para que poidan afrontar emerxencias sociais

Estas achegas enmárcanse nas axudas en materia social para os concellos máis pequenos da provincia, cun importe de máis de catro millóns de euros


24 marzo 2020
Axudas Deputación Vigo

Os nove concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca de Vigo xa teñen á súa disposición 733.500 € en axudas para emerxencias sociais, medida que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para facerlle fronte ás novas necesidades da crise sanitaria do coronavirus. Hoxe publícanse no BOPPO a nova liña de axudas sociais extraordinarias e o Plan de servizos comunitarios básicos e do servizo de axuda no fogar (SAF), que, xunto coas axudas de emerxencia, constitúen un fondo destinado aos concellos máis pequenos da provincia que ascende a máis de catro millóns de euros (medio millón para as axudas básicas de emerxencia, 2,2 millóns para o Plan de servizos comunitarios básicos e o SAF e 1,3 millóns para a nova liña de axudas extraordinarias). En concreto, os concellos da comarca de Vigo que xa poden pedir estas axudas son Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Salceda de Caselas e Soutomaior.

Máis polo miúdo, o concello de Baiona recibirá cerca de 82.000 € da Deputación de Pontevedra, distribuídos entre 10.200 € de axudas de emerxencia, 51.310 € da liña de axudas sociocomunitarias e SAF e 20.320 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

No caso de Fornelos de Montes as axudas son de máis de 61.000 €, dos cales 7.650 € proveñen das axudas básicas de emerxencia, 26.395,61 € da liña de axudas sociocomunitarias e SAF, 12.700 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación e 14.556,15 € segundo o índice de envellecemento da poboación.

Pola súa banda, o concello de Gondomar beneficiarase de máis de 86.000 € da Deputación de Pontevedra, distribuídos en 10.200 € das axudas básicas de emerxencia, 55.514 € das axudas de servizos sociocomunitarios e SAF e 20.320 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

As axudas para o concello de Mos ascenden a case 100.000 €, dos cales 10.900 € correspóndense coas axudas de emerxencia, máis de 65.800 € cos servizos sociocomunitarios e SAF e 22.860 € coa nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

No caso de Nigrán as achegas son de máis de 95.700 €, distribuídos en 10.400 € de axudas de emerxencia, máis de 62.500 de servizos sociocomunitarios e SAF e 22.860 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

As axudas da Deputación de Pontevedra para Pazos de Borbén son de máis de 60.800 €, dos cales 9.500 € correspóndense coas axudas de emerxencia, 24.094,05 € cos servizos sociocomunitarios e SAF, 12.700 € coa nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación e 14.556,15 € coa axuda segundo o índice de envellecemento.

Pola súa banda, O Porriño percibirá máis de 103.000 €, dos cales 10.900 € proveñen das axudas de emerxencia, case 70.000 € dos servizos sociocomunitarios e SAF e 22.860 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

O concello de Salceda de Caselas recibirá máis de 87.300 €, dos cales 9.500 € proceden das axudas de emerxencia, máis de 60.000 € dos servizos sociocomunitarios e SAF e 17.780 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

Por último, Soutomaior vai beneficiarse de máis de 57.000 €, dos cales 9.500 € enmárcanse nas axudas de emerxencia, máis de 30.000 € irán para os servizos sociocomunitarios e SAF e 17.780 € proceden da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

Ademais destas axudas para os concellos en materia social, o Goberno da Deputación de Pontevedra tamén publicou hoxe no BOPPO as axudas de anticipos tributarios do novo fondo de liquidez do ORAL, dotado con 21 millóns de euros para os concellos que teñen delegadas as súas competencias neste servizo.