Noticias

#COVID-19 Carmela Silva: "É a hora de atender a xente, sobre todo a xente máis vulnerable. Todo o demais xa virá logo"

A Deputación pon en marcha medidas sociais extraordinarias por máis de 4 millóns de euros para os concellos de menos de 20.000 habitantes


17 marzo 2020
Reunión de seguimiento del COVID-19

"É a hora de atender a xente, e sobre todo a xente máis vulnerable. Todo o demais xa virá logo". Deste xeito, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, dirixiuse esta mañá ao Comité de Seguimento fronte ao COVID-19, reunido no Pazo provincial, ao que lle deu conta das medidas extraordinarias que a institución está a activar en materia de política social para achegarlles recursos aos concellos máis pequenos da provincia e ás familias en situación máis vulnerable.

Silva fíxolles un "recoñecemento enorme e emotivo" ás administracións locais, "que, cos gobernos municipais e tamén co apoio de cada concello, están a crear redes de proximidade para ocuparse da xente que máis o necesita. E desde a Deputación teñen que saber que non están soas". Neste sentido, o Goberno provincial vai activar, de xeito inminente, medidas extraordinarias por valor de máis de catro millóns de euros en materia de política social, dirixidas directamente aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. As primeiras medidas inclúen a aprobación inminente das novas bases do servizo de axuda no fogar e dos servizos sociais comunitarios, cunha achega de máis de dous millóns de euros, así como a modificación das bases de axudas de emerxencia para achegar o antes posible, eliminando toda a burocracia, o medio millón de euros que se contemplan para os municipios. Estas axudas dirixiranse de xeito prioritario a aliviar a situación das persoas maiores que viven soas e a dos colectivos máis vulnerables co fin de garantir a súa alimentación e hixiene, e á limpeza e desinfección daquelas zonas específicas e asimiladas que non poden atender directamente os municipios. Ademais, o Goberno provincial anunciou a activación do fondo de continxencia da Deputación para situacións de emerxencia, dotado dun millón de euros; e tamén se estudan medidas para incrementar e reforzar a teleasistencia domiciliaria. Do mesmo xeito, esta mesma mañá remitíuselles unha carta aos gobernos municipais para que coñezan a suspensión de todos os prazos dos plans provinciais de investimentos, coma o Plan Concellos, o Plan de Reequilibrio e DepoRemse.

"Queremos achegar os recursos en primeiro lugar. Xa haberá tempo de xustificar", asegurou a presidenta, quen, ao falar do servizo de teleasistencia domiciliaria, sinalou que "queremos prestarlle unha especialísima atención, xa que del se benefician 652 persoas de 46 concellos. Pódolles dicir que estamos en contacto diario coa empresa concesionaria e moi pendentes das 126 persoas que non contan con apoio familiar ou social". Ao respecto, Silva adiantou que xa se están a estudar novas medidas dirixidas a esas persoas, como intensificar os seguimentos telefónicos de tal xeito que sexan ata diarios nalgúns casos. No caso do resto das persoas usuarias tamén se vai intensificar o seguimento, reducindo os prazos de quince días a unha semana.

Por outra banda, o material técnico, sanitario e de protección da Finca Mouriscade, da Estación Fitopatolóxica Areeiro e da Escola de Enfermería xa está a disposición do Goberno de España. Desde a Estación Fitopatolóxica Areeiro o Goberno provincial pon a disposición material técnico e de laboratorio que se utilizará para facer probas do coronavirus (centrífugas, microcentrífugas e minicentrífugas, block heaters, cubetas, Maxwell RSC Instrument, pipetas e micropipetas automáticas, secuenciadores, termobloques, termocicladores, transiluminadores e vórtex); así como material de protección (luvas de vinilo e látex, alcohol, máscaras e balas de algodón), o cal tamén está a disposición na Finca Mouriscade. No caso da Escola de Enfermería, a achega consiste en material de protección (máscaras, batas e colectores de desinfectantes), pero tamén o propio persoal (catro enfermeiras, un médico e unha farmacéutica) está a disposición do Goberno estatal.

Respecto á casuística especial do Príncipe Felipe, área prioritaria para o Goberno nesta crise sanitaria, a presidenta sinalou que entende todas as inquedanzas pero que pide comprensión, ao tempo que anunciou que mañá mércores visitará o centro para manter unha reunión co seu director e máximo responsable e coas distintas direccións de centros co obxectivo de supervisar as medidas e actuacións que se están a dispoñer nel. "Estamos reforzando os medios e o persoal na atención sanitaria e duplicando a vixilancia para manter toda a actividade e garantir a seguridade tanto das nenas e dos nenos coma do persoal do centro", informou Silva. Sobre a "plena actividade" de Príncipe Felipe dixo o seguinte: "estamos a falar da infancia, de nenas e nenos que están en especiais situacións", e destacou, así mesmo, que se extremaron todas as medidas de hixiene, se habilitaron espazos de illamento e, desde a pasada semana, na que se tivo coñecemento do protocolo da Consellería, estanse a seguir todas os plans e pautas indicados por Política Social. Ademais, o director do centro ten instrucións de formular de xeito inmediato calquera necesidade que teñan de material ou incluso de contratacións.

Polo demais, a presidenta explicou que se lles pediu o plan de acción e de protección de persoal a todas as empresas concesionarias e ás que fan obras ou lle prestan servizos á Deputación de Pontevedra. "Estamos a facer un seguimento destas cuestións para ver que se cumpran e garantir así a seguridade e saúde das persoas", destacou Silva. A presidenta provincial expresou a súa confianza na superación desta crise e manifestou o seu orgullo polo "marabilloso comportamento da cidadanía". "Estou plenamente convencida que imos saír desta situación como unha sociedade mellor porque, ademais, tomamos conta nesta crise do fundamental que é o servizo público e un estado de benestar coma o que temos".

Silva tamén aproveitou a reunión do Comité de Seguimento, a primeira na que participa a oposición co seu portavoz Jorge Cubela, para transmitirlle o seu agradecemento a todos os axentes implicados, "que están tendo un comportamento de 10; síntome moi satisfeita". Silva quixo agradecerlles o traballo "desde ao meu equipo ata ás xefaturas de servizo, especialmente a Recursos Humanos, a todo o persoal traballador e aos sindicatos, pola colaboración e esforzo para organizar todo en tan poucas horas. Quero tamén resaltar e poñer en valor o comportamento exquisito das deputadas e deputados do PP na Deputación de Pontevedra, que colaboraron e están a colaborar en todo momento de forma implícita". No que respecta ao funcionamento político da institución provincial, o Comité acordou pospoñer tanto as comisións informativas coma o Pleno e trasladar os acordos da Xunta de Goberno mediante Resolucións presidenciais.