Noticias

#COVID-19 Carmela Silva destaca o "traballo excelente" do equipo directivo e do persoal do Centro Príncipe Felipe e valora que sempre foron por diante das sucesivas normativas sobre o coronavirus

A presidenta lidera a xuntanza do Comité de Seguimento da COVID-19 do Centro e anuncia que volverá asistir o próximo mércores para continuar participando, "en primeira persoa", de todas as decisións


18 marzo 2020

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, liderou hoxe a quinta xuntanza do Comité de Seguimento da COVID-19 no Centro Príncipe Felipe. Despois dunha sesión cunha duración superior ás dúas horas expresou o seu agradecemento ao "traballo excelente" que está a desempeñar este equipo directivo e todo o persoal do Centro. Silva declarou o seu total apoio para todas as decisións adoptadas desde o primeiro momento, que foron sempre un paso por diante das normativas aprobadas polas Administracións competentes. A presidenta, que anunciou a súa intención de volver incorporarse o próximo mércores ao Comité do Príncipe Felipe, anticipou a súa vontade de participar "en primeira persoa" en todas as medidas que sexa necesario acordar nas vindeiras semanas.

O Comité de Seguimento do centro está formado polo director, Manuel Cendón; a xefa de Xestión, Ana Soto; a médica, Ana Canabal; o director do Centro de Infantil, Emilio López; a directora da Escola Fogar, María Isabel Casal; a directora do Centro Agarimo, Asunción Reboreda e a técnica de Mantemento, Antía Parcero.

A presidenta da Deputación aplaudiu a absoluta implicación das e dos responsables do Centro Príncipe Felipe, "que comezaron a tomar decisións antes de que houbese ningunha norma reguladora", ata o punto de que xa o pasado xoves adoptaron medidas restritivas respecto ás visitas con motivo da orde de suspensión das clases en toda Galicia, e tamén acordaron a supresión total destas antes de que así se incluíse no segundo protocolo ca Consellería de Política Social. "O Príncipe Felipe é para min unha absoluta prioridade, e se vin aquí tranquila porque teño plena confianza nas e nos profesionais que dirixen este Centro, hoxe marcho moito máis tranquila e coa plena certeza de que ninguén se vai relaxar na nosa obriga, como servizo público, da protección das e dos menores contra este inimigo invisible".

Entre as medidas temperás adoptadas no Príncipe Felipe, Carmela Silva destacou a creación de dous "minihospitais de día" aproveitando o espazo de dúas unidades que, por mor desta crise, están sen utilizar. Estes espazos quedaron pechados, perfectamente desinfectados e dotados con sete camas cada un por se fosen necesarios para unha primeira atención. Ao mesmo tempo, por iniciativa da responsable médica do centro, creouse tamén unha zona de illamento para realizarlles probas a posibles casos sospeitosos de COVID-19. Estas decisións súmanse á contratación temporal de dúas persoas para reforzar o servizo de Enfermaría e á adquisición precoz de material de autoprotección (máscaras, batas, gafas e hidroxel).

Ao mesmo tempo, destacouse que o Comité de Seguimento elaborou un protocolo interno e detallado de prevención contra o coronavirus (xuntamos os 4 documentos elaborados) e mantivo xuntanzas en todos os servizos co fin de darlles instrucións persoais para extremar as precaucións.

Carmela Silva foi tamén informada de que as nenas e nenos do Centro de Día, que xa non están no Centro desde a suspensión efectiva das clases, están a recibir unha monitorización individualizada nos seus domicilios por parte das traballadoras sociais do Príncipe Felipe. Non só se revisa o mantemento da actividade educativa, senón que se está a realizar un reparto de kits de alimentación, con menús elaborados por un equipo de nutricionistas. Ademais, continúa a prescrición e subministro de medicación nos casos necesarios e, finalmente, vanse proporcionar produtos de hixiene persoal. Todo elo tendo moi en conta a vontade de servizo público e atención a estes menores, pertencentes a familias con necesidades especiais. O traballo, ademais, estase a realizar en coordinación cos Servizos Sociais comunitarios dos seus respectivos concellos de orixe.

O reforzo no servizo de Limpeza, concesionado coa empresa Eulen, mereceu un amplo apartado durante a xuntanza, pois o seu traballo extremouse desde o comezo desta crise ata o punto de que se realiza unha desinfección diaria de todos os espazos do Centro, incluso os domingos e festivos, e abranguendo tamén os obxectos de uso habitual. O esforzo do persoal deste servizo foi especialmente recoñecido. Outro dos puntos que se abordaron foi o reforzo na seguridade e vixilancia do centro, a cal se duplicou tanto para impedir o acceso de persoas non autorizadas como para evitar o risco de saídas incontroladas de menores das instalacións.

O Comité de Seguimento remarcou que, a pesar da extraordinaria situación que se está a vivir, a actividade pedagóxica continúa desenvolvéndose no Príncipe Felipe. As nenas e nenos continúan coa súa actividade educativa, de lecer, de saúde e desenvolvemento persoal, coas únicas restricións derivadas da situación de illamento provocada pola pandemia de coronavirus. En todo caso, recalcouse que isto non está a afectar a súa atención educativa e psicosocial.

Outra cuestión que se tratou ten que ver coa empresa que está a realizar as obras de acondicionamento do Centro Agarimo (un dos dous centros de menores existentes no recinto). Ao respecto desta, acordouse trasladarlle a esixencia de que presente un protocolo por escrito sobre as medidas de prevención que vai adoptar durante a execución destes traballos.

Finalmente, a presidenta da Deputación trasladoulle unha mensaxe ao Comité de Seguimento da COVID-19 do Príncipe Felipe para que continúe co seu labor exemplar sen deixarse afectar "por algunhas situacións difundidas por redes sociais que, como se comprobou inmediatamente, eran ‘bulos' e exercicios tendenciosos de alarmismo que nada teñen que ver coa realidade". "Aquí estase a actuar con profesionalidade e mesmo con medidas que non só van máis alá das que nos esixen os protocolos da Xunta, senón que se adoptan con anticipación", recalcou.