Noticias

#COVID-19 As persoas máis vulnerables da provincia dispoñen de máis de 125.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar que financia a Deputación

As transferencias aos 52 concellos beneficiarios dos 2,3 millóns de euros do Plan de servizos comunitarios e SAF adiantáronse máis de 6 meses para reforzar a liquidez dos concellos no combate directo contra os efectos sociais da crise


25 abril 2020
Axudas no Fogar

A Deputación de Pontevedra apurou ao máximo os prazos para que os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes dispoñan xa nas súas contas correntes dos 2.370.564 euros que fan posible que arredor de 1.200 persoas maiores que viven soas e sen apoio familiar dispoñan do Servizo de Axuda Familiar (SAF) nunhas condicións de idoneidade. A día de hoxe, con máis de 6 meses de adianto sobre o calendario habitual, están feitas as transferencias aos 52 concellos nos que a institución financia este servizo.

Esta axilidade administrativa permitiu que xa se estean a prestar, atendendo ás necesidades agravadas polo estado de alarma, un total de 125.717 horas de Servizo de Axuda no Fogar ás persoas máis vulnerables e que 110 profesionais se estean encargando sobre o terreo do correcto funcionamento do servizo (10 técnicas e técnicos superiores, 48 técnicas e técnicos medios e 42 administrativas e administrativos).

Despois do acordo do Comité de Seguimento da COVID-19, presidido por Carmela Silva, a Deputación convocou as subvencións o pasado 24 de marzo acolléndose ás excepcionalidades recollidas no real decreto de declaración do estado de alarma, no que se permite a continuación dos procedementos relacionados cos servizos básicos. Ademais, as bases deste ano modificáronse para que os concellos reciban o adianto do 100 % das cantidades asignadas. A presidenta provincial amosou a súa satisfacción polos resultados desta iniciativa, dado que sen esta achega extraordinaria da Deputación, que se fixo chegar nun tempo récord, a meirande parte dos municipios non dispoñerían de tantas horas de SAF nin tampouco do persoal necesario para xestionalo nuns momentos nos que a atención ás persoas vulnerables non pode agardar.

A Deputación, que reforzou este programa substancialmente nos últimos anos, asigna 1.179.002 euros a cubrir os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios encargado de dirixir o servizo (as e os 110 profesionais contratados polos concellos) e 1.291.561,90 euros para sufragar a prestación directa do SAF nos domicilios por parte de persoal especializado. Ademais, para atender as necesidades específicas causadas pola pandemia, autorizouse a compra de máscaras, produtos de desinfección (lixivia, alcohol e similares), xabóns, xel hidroalcohólico, crema hidratante e produtos similares para a súa utilización durante o servizo.

O Servizo de Axuda no Fogar que subvenciona a Deputación é a modalidade básica; é dicir, a que se lles presta ás persoas que, aínda que precisan apoio para realizar as actividades da súa vida diaria, non teñen declarada a situación legal de dependencia e, por tanto, non poden beneficiarse do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD). Porén, cómpre non esquecer que son persoas maiores, con disfuncións que lles impiden un correcto desempeño da súa vida cotiá, en situación económica precaria e que carecen doutra rede de apoio.