Noticias

#COVID-19 A Deputación pon case 400.000 euros ao dispor dos concellos do Baixo Miño para que poidan afrontar emerxencias sociais

Estas achegas enmárcanse nas axudas en materia social para os concellos máis pequenos da provincia, cun importe de máis de catro millóns de euros


24 marzo 2020
Axudas

Os cinco concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca do Baixo Miño xa teñen á súa disposición máis de 384.000 € en axudas para emerxencias sociais, medida que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para facerlles fronte ás novas necesidades da crise sanitaria do coronavirus. Hoxe publícanse no BOPPO a nova liña de axudas sociais extraordinarias e o Plan de servizos comunitarios básicos e do servizo de axuda no fogar (SAF), que, xunto coas axudas de emerxencia, constitúen un fondo destinado aos concellos máis pequenos da provincia que ascende a máis de catro millóns de euros (medio millón para as axudas básicas de emerxencia, 2,2 millóns para o Plan de servizos comunitarios básicos e o SAF e 1,3 millóns para a nova liña de axudas extraordinarias). En concreto, os concellos da comarca do Baixo Miño que xa poden pedir as axudas son A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui.

Máis polo miúdo, o concello da Guarda recibirá arredor de 90.000 € da Deputación de Pontevedra, distribuídos entre 9.500 € das axudas de emerxencia, 59.866,12 € da liña de axudas para servizos sociocomunitarios e o SAF e 20.320 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

No caso do Rosal, as axudas ascenden a 55.000 €, dos cales 9.500 € proveñen das axudas básicas de emerxencia, uns 28.000 € da liña de axudas para servizos sociocomunitarios e o SAF e 17.780 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

Pola súa banda, o concello de Oia beneficiarase de ata 63.000 € da Deputación de Pontevedra, distribuídos en 7.650 € das axudas básicas de emerxencia, 25.541,24 € das axudas para servizos sociocomunitarios e o SAF, máis de 15.000 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación e 14.556,15 € segundo o índice de avellentamento.

O concello de Tomiño percibirá case 90.000 €, dos cales 10.200 € correspóndense coas axudas de emerxencia, máis de 59.000 € cos servizos sociocomunitarios e o SAF e 20.320 € coa nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

Por último, Tui vai beneficiarse de ata 87.099,50 €, dos cales 10.900 € enmárcanse nas axudas de emerxencia, máis de 53.000 € irán para os servizos sociocomunitarios e o SAF e 22.860 € proceden da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

Ademais destas axudas para os concellos en materia social, o Goberno da Deputación de Pontevedra tamén publicou hoxe no BOPPO as axudas de anticipos tributarios do novo fondo de liquidez do ORAL, dotado con 21 millóns de euros para os concellos que teñen delegadas as súas competencias neste servizo.

CONCELLO IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE  AXUDAS EMERXENCIAS IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE BASES SOCIOCOMUNITARIOS E SAF IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE  NOVA LIÑA AXUDAS EXTRAORDINARIAS SEGUNDO TRAMOS POBOACIÓN IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE  NOVA LIÑA AXUDAS EXTRAORDINARIAS SEGUNDO INDICE ENVELLECEMENTO TOTAL POR CONCELLO
A GUARDA 9.500,00 € 59.866,12 € 20.320,00 €   89.686,12 €
O ROSAL 9.500,00 € 27.847,29 € 17.780,00 €   55.127,29 €
OIA 7.650,00 € 25.541,24 € 15.240,00 € 14.556,15 € 62.987,39 €
TOMIÑO 10.200,00 € 59.042,00 € 20.320,00 €   89.562,00 €
TUI 10.900,00 € 53.339,50 € 22.860,00 €   87.099,50 €

Total da Comarca do Baixo Miño

384.462,30 €