Noticias

#COVID-19 A Deputación pon case 200.000 euros ao dispor dos concellos do Morrazo para que poidan afrontar emerxencias sociais

Estas achegas enmárcanse nas axudas en materia social para os concellos máis pequenos da provincia, cun importe de máis de catro millóns de euros


24 marzo 2020
Axudas

Os dous concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca do Morrazo xa teñen á súa disposición máis de 195.000 euros en axudas para emerxencias sociais, medida que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para facerlles fronte ás novas necesidades da crise sanitaria do coronavirus. Hoxe publícanse no BOPPO a nova liña de axudas sociais extraordinarias e o Plan de servizos comunitarios básicos e o SAF, que, xunto ás axudas de emerxencia, constitúen un fondo destinado aos concellos máis pequenos da provincia que ascende a máis de catro millóns de euros (medio millón para as axudas básicas de emerxencia, 2,2 millóns para o Plan de servizos comunitarios básicos e o SAF e 1,3 millóns para a nova liña de axudas extraordinarias). En concreto, os concellos da comarca do Morrazo que xa poden pedir as axudas son Bueu e Moaña.

O concello de Bueu recibirá máis de 80.000 € da Deputación de Pontevedra, distribuídos entre 9.500 € de axudas de emerxencia, 51.786 € da liña de axudas sociocomunitarias e o SAF e 20.320 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

Pola súa banda, a institución provincial achegará a Moaña arredor de 115.000 €, distribuídos entre 10.900 € de axudas de emerxencia, 80.951 € da liña de axudas sociocomunitarias e o SAF e 22.860 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación.

Ademais destas axudas para os concellos en materia social, o Goberno da Deputación de Pontevedra tamén publicou hoxe no BOPPO as axudas de anticipos tributarios do novo fondo de liquidez do ORAL, dotado con 21 millóns de euros para os concellos que teñen delegadas as súas competencias neste servizo.

CONCELLO IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE  AXUDAS EMERXENCIAS IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE BASES SOCIOCOMUNITARIOS E SAF IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE  NOVA LIÑA AXUDAS EXTRAORDINARIAS SEGUNDO TRAMOS POBOACIÓN IMPORTE MÁXIMO SOLICITABLE  NOVA LIÑA AXUDAS EXTRAORDINARIAS SEGUNDO INDICE ENVELLECEMENTO TOTAL POR CONCELLO
BUEU 9.500,00 € 51.786,00 € 20.320,00 €   81.606,00 €
MOAÑA 10.900,00 € 80.951,00 € 22.860,00 €   114.711,00 €

Total Zona do Morrazo

196.317,00 €