Noticias

#COVID-19 A Deputación inxéctalles aos concellos case 2 millóns de euros coas primeiras axudas extraordinarias para enfrontar a crise

Os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes xa dispoñen de 1,3 millóns de euros das axudas extraordinarias e o adianto de medio millón das de emerxencia


11 abril 2020
Covid19

Os 52 concellos da provincia de menos de 20.ooo habitantes xa teñen á súa disposición case 2 millóns de euros da Deputación de Pontevedra, correspondentes ás primeiras medidas activadas polo Goberno provincial para facerlle fronte á crise da COVID-19. Trátase da liña de axudas extraordinarias, cun importe de 1,3 millóns de euros, e do adianto do 100 % das axudas de emerxencia, dotadas con outros 500.0000 euros. En concreto, os 52 concellos pediron o adianto das axudas de emerxencia e solicitaron a liña de axudas extraordinarias, aínda que tres deles están a encher a documentación e poderán ter a notificación esta próxima semana.

A institución provincial xa liberou estas dúas partidas, polo que os concellos dispoñen do diñeiro para facerlles fronte ás novas necesidades da veciñanza ao fío da crise. A estas dúas liñas súmaselles o adianto, tamén do 100 %, do financiamento do Plan concertado de servizos comunitarios básicos e o SAF, por 2,4 millóns de euros, que agora mesmo se está a tramitar para os concellos que o solicitaron, de momento 49 dos 52.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción ante a acollida das medidas. "Temos que ter moito orgullo da resposta dos concellos desta provincia que, ademais de estar na primeira liña de loita contra a COVID, seguen a traballar a pesar das dificultades para conseguir todas as axudas posibles para a súa veciñanza".

Con esta inxección económica da Deputación, os concellos beneficiarios que a pediron están a poder financiar necesidades básicas da cidadanía e, sobre todo, da poboación máis vulnerable. Este diñeiro destínase á adquisición de alimentos e de material de protección e desinfección coma luvas e máscaras, así como gastos de asistencia en combustible e de aluguer de vehículos para levar a compra de alimentos e medicinas aos domicilios das persoas maiores e en risco, especialmente das que viven soas.

O obxectivo destas medidas do Goberno provincial, xunto aos anticipos do Fondo de Liquidez do ORAL, dotado con 21 millóns de euros, e á modificación da Liña 2 do Plan Concellos, por outros 3 millóns de euros, foi inxectarlles liquidez de xeito eficaz e case inmediato aos municipios máis pequenos para financiar as consecuencias da crise do coronavirus. O investimento provincial total é de máis de 28 millóns de euros.

Plataforma telemática para os órganos colexiados dos concellos

O 71 % dos concellos da provincia adheridos á administración electrónica implantada pola Deputación de Pontevedra xa solicitaron a súa integración na plataforma telemática que esta puxo á súa disposición de xeito totalmente gratuíto para a organización de Plenos e Xuntas de Goberno. Ata o momento xa son 38 concellos os que formalizaron a súa petición para dispor da ferramenta con total seguridade e garantía.

A aplicación estará habilitada na plataforma de administración electrónica e permitirá sesións telemáticas dos órganos colexiados, reunións e mesas de contratación a distancia, así como traballo colaborativo entre persoal funcionario. Ademais, o novo sistema, ao que se pode acceder a través de ordenadores e dispositivos móbiles, permite retransmisións en directo a través da propia sede electrónica ou de plataformas nas redes sociais, garantindo unha maior transparencia.

Os concellos que ata o momento solicitaron a ferramenta son Caldas, Covelo, Mondariz, As Neves, Redondela, Tomiño, Vilaboa, A Estrada, Cambados, Cuntis, Meis, Mondariz-Balneario, O Grove, Pazos de Borbén, Vila de Cruces, Baiona, Gondomar, O Rosal, Lalín, Mos, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas, Bueu, Moaña, Moraña, Cangas, Silleda, Pontecesures, Tui, Ponteareas, Forcarei, A Guarda, Portas, Catoira, A Illa de Arousa, Poio, Arbo e Cerdedo-Cotobade.