Noticias

#COVID19 A Deputación continúa a coordinar a volta á provincia do alumnado do Practicum Depo desde cidades europeas

Catro bolseiras e bolseiros do programa Erasmus+ de FP retornan desde Italia, Portugal e Irlanda


16 maio 2020
Practicum Depo

A Deputación de Pontevedra segue a coordinar xunto co Goberno de España a repatriación voluntaria á provincia do alumnado que estaba a desenvolver a súa mobilidade en cidades europeas e que solicitou a volta ao país debido á crise xerada pola COVID-19. Trátase de alumnas e alumnos de centros de Formación Profesional da provincia de Pontevedra que, desde hai uns meses, están a realizar as súas prácticas en empresas e centros de investigación de distintos países europeos coas bolsas do programa Practicum Depo.

Ata o momento, do total de 35 alumnas e alumnos, 12 decidiron retornar a Pontevedra. Catro estudantes tiñan previsto o regreso ao seu domicilio esta semana; en concreto, trátase dunha rapaza que realizou unha estadía en Cork (Irlanda), dunha alumna e un alumno cuxo destino foi Italia e, finalmente, dunha estudante que complementou a súa formación con prácticas laborais en Portugal. Ademais, outro dos beneficiarios do programa de mobilidade provincial aínda non decidiu a data do seu regreso de Italia.

A Deputación continúa traballando para coordinar as próximas voltas do alumnado, que se realizarán a partir do 31 de maio. Das 23 bolseiras e bolseiros restantes, 9 seguen en varias cidades de Italia, 5 en Portugal, 2 en Malta, 2 en Finlandia e 5 en Irlanda. Estas alumnas e alumnos estudan nos seus centros de FP da provincia ciclos medios de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, Produción Agroecolóxica, Instalación de Telecomunicacións, Actividades Comerciais, Electromecánica, Acuicultura, Condución de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural, Xestión Administrativa, Sistemas Microinformáticos e Redes, Coidados Auxiliares de Enfermería, Xardinería e Florería ou Instalacións Eléctricas e Automáticas.

O proceso de repatriación voluntaria está a ser coordinado pola Deputación en conxunto co Goberno de España a través do Ministerio de Exteriores e o de Universidades, que están a organizar os voos e a garantir a seguridade e a protección de todas e todos os participantes nestas bolsas europeas. Desde o inicio da crise sanitaria, a institución provincial e o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) están a manter contactos e seguimentos diarios co alumnado, a quen, ademais, se lle transmite a información das medidas de contención en cada país, así como a organización das repatriacións para facilitar a volta daquelas e daqueles estudantes que así o requiran.