Noticias

#COVID-19 O laboratorio de Mouriscade mantén activas as súas funcións sen incidencias, priorizando análises microbiolóxicas e de augas

O traballo neste centro esencial da Deputación de Pontevedra execútase extremando as medidas de hixiene e a distancia entre persoas


25 marzo 2020
Laboratorio de Mouriscade

A Finca Mouriscade da Deputación de Pontevedra mantén a actividade e continúa a executar as súas funcións con normalidade, priorizando análises microbiolóxicas e de augas fronte a nutricionais. Ata o momento non houbo incidencias e estanse a extremar as medidas de hixiene e a distancia entre persoas para garantir a seguridade do persoal que segue a prestar os seus servizos no centro (a xefa de servizo, tres técnicos de laboratorio e un administrativo).

Tendo en conta a situación de crise sanitaria, detectouse unha diminución das mostras de entre o 40 e o 60 % e marcáronse como prioritarias as análises microbiolóxicas fronte ás nutricionais. O laboratorio continúa analizando ensilados, pensos e materias, así como augas, identificando xermes na leite e efectuando análises de microbioloxía de ensilados e control de calidade das materias primas. Con todo este traballo segue a prestárselle servizo ao sector produtivo, coma as gandeiras e gandeiros, persoal técnico e fábricas de pensos.

En canto ás medidas de hixiene e desinfección, ao chegar as mostras, que habitualmente veñen embaladas en bolsas de plástico ou caixas de cartón, estas son pulverizadas cunha solución desinfectante. Tamén se está a extremar a limpeza de todas as superficies de contacto, mesas e pomos das portas, así como a hixiene e seguridade persoal, seguindo o protocolo de limpeza de mans estipulado e empregando materiais de protección persoal. Ademais, estanse a seguir as directrices relativas á distancia entre persoas para garantir a seguranza do persoal que presta os seus servizos en Mouriscade.