Noticias

#COVID-19 Areeiro retomará a vindeira semana as visitas aos cultivos da provincia, aínda que reducindo o número de predios

Aínda que as mostras, que só se reciben a través de paquetería, reducíronse nun 90 % , dáselles prioridade a aquelas procedentes de empresas de produtos vexetais, que precisan estas análises para continuar a súa actividade


27 marzo 2020
Estación fitopatolóxica Areeiro

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, está a manter a súa actividade esencial de servizo ao sector agroforestal da provincia, aínda que coas consecuentes medidas e protocolos de protección derivados do estado de alarma decretado pola COVID-19.

Entre as medidas adoptadas na actividade da estación deixáronse de recoller mostras de xeito presencial, e tampouco as propios agricultoras e agricultores están acudindo ao centro, co que soamente se lles dá entrada ás mostras que chegan por paquetería. Estas mostras, ao igual que as que o centro xa tiña con anterioridade, estanse a analizar dándolles prioridade ás que procedan de empresas que precisan destas análises para poder continuar a súa actividade; entre elas, as mostras de produtos vexetais para a venda en comercio interior ou para a exportación. Aínda así, o número de mostras que se reciben baixou considerablemente, cerca dun 90 % fronte ao que se adoita ter neste momento de inicio da actividade vexetativa das plantas. Precisamente por este motivo, e ante a demanda do persoal técnico e viticultor, a próxima semana retomaranse as visitas aos cultivos para seguir publicando os avisos fitosanitarios, aínda que se reducirá o número de predios visitados mentres continúe a actual situación.

A nivel interno, establecéronse quendas de traballo nos diferentes laboratorios e no predio (na EFA traballan arredor de 50 persoas) co obxectivo de cumprir as obrigas derivadas da declaración de emerxencia sanitaria ao nivel da distancia entre o persoal e a desinfección continua. En cada quenda, as e os traballadores realizan as análises das mostras e manteñen os cultivos que se teñen nos laboratorios (de plantas in vitro ou de fungos) e a cría dos insectos. A nivel técnico continúa tamén o traballo (presencial ou vía teletraballo) coa resposta ás consultas telefónicas e ás recibidas vía correo electrónico, así como coa redacción de informes, convenios ou actualizacións de protocolos. Igualmente, mantense o contacto telemático coas distintas cooperativas, adegas ou asociacións nacionais e internacionais, coma a Sociedad Internacional de la Camelia ou a Sociedad Española de Fitopatología.

No relativo ao predio da Estación, o persoal segue a traballar nos sementeiros, na horta e nos viveiros, xa que é a época de plantación dalgúns cultivos e non se pode abandonar o mantemento dos existentes. Con todo, mantéñense as precaucións e as normas de seguridade establecidas.

Por outra banda, a EFA tamén está a colaborar con outros servizos ou departamentos da Deputación. Así, están a elaborar solucións hidroalcohólicas e a realizar a desinfección das zonas de acceso, beirarrúas, escaleiras e exteriores do Pazo provincial e do Edificio Administrativo (dúas veces por semana); e tamén colaboran co Parque de Maquinaria na desinfección do recinto do Centro Príncipe Felipe.

Guía

As técnicas e técnicos da EFA elaboraron, ademais, unha guía gráfica dos protocolos de limpeza, baldeo e desinfección correctos na limpeza viaria para combater a pandemia causada polo coronavirus que se lle remitiu esta semana aos concellos da provincia. O documento parte do protocolo publicado polo Ministerio de Sanidad e incorpora pautas e consellos para que o persoal municipal encargado deste servizo poida realizalo coa maior eficacia e, tamén, coas axeitadas medidas de autoprotección.