Noticias

#COVID-19 A Deputación de Pontevedra coordina co Goberno central o retorno a España do alumnado do "Practicum Depo" en cidades europeas

Das e dos 35 estudantes de FP con bolsas en Europa, 29 decidiron seguir de momento nas súas estadías


08 abril 2020

A Deputación de Pontevedra está a coordinar co Goberno de España a repatriación voluntaria á provincia das e dos estudantes que estaban a desenvolver as súas mobilidades en cidades europeas e que solicitaron á volta ao país pola crise xerada pola COVID-19. Trátase de alumnas e alumnos de centros de formación profesional da provincia de Pontevedra que, desde hai uns meses, están a realizar as súas prácticas en empresas e centros de investigación de distintos países europeos coas bolsas do programa da Deputación "Practicum Depo".

Ata o momento, só 6 estudantes do total de 35 alumnas e alumnos decidiron retornar á provincia. Os dous últimos chegaron aos seus domicilios onte á noite, procedentes das cidades italianas de Venecia e Verona. Os outros 4 estudantes retornadas e retornados desenvolvían a súa labor en Italia (2), en Portugal (1) e en Irlanda (1). As 29 bolseiras e bolseiros restantes decidiron, de momento, manter as súas estadías. 11 seguen en cidades de Italia, 6 en Portugal, 4 en Malta, 2 en Finlandia e 6 en Irlanda. Estas alumnas e alumnos estudan nos seus centros de FP da provincia ciclos medios de Conservación de Medio Natural, Produción Agroecolóxica, Telecomunicacións, Actividades Comerciais, Electromecánica, Acuicultura, Actividades Físico-deportivas, Xestión Administrativa, Sistemas Microinformáticos e Redes, Coidados de Enfermería, Xardinería e Florería ou Instalacións Eléctricas e Automáticas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou o seu "agradecemento a todas e a todos os estudantes, porque nos están a dar unha lección de serenidade e responsabilidade, ao igual que ás súas familias, a pesar das dificultades lóxicas que estamos atravesando". Silva agradeceulle tamén ao Goberno de España "a información puntual e diaria que están a dar e o esforzo que están a facer para facilitar o retorno".

O proceso de repatriación voluntaria está a ser coordinado pola Deputación co apoio do Goberno de España, ao través do Ministerio de Exteriores e o de Universidades, que están a organizar os voos e a garantir a seguridade e a protección de todas as persoas participantes nestas bolsas europeas. Desde o inicio da crise sanitaria, a institución provincial, xunto co Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) está a manter o contacto e o seguimento diario do alumnado a quen, ademais, se lle transmite toda a información puntual das medidas de contención en cada país europeo, así como a organización das repatriacións para facilitar a volta daquelas e daqueles estudantes que así o requiran.