Noticias

Covelo estrea unha praza na Lamosa e a nova rede de saneamento na Graña gracias ás obras acometidas co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Santos Héctor: "Son dúas obras espectaculares, que contribúen á mellora da calidade da vida e a preservar o medio ambiente no medio rural"


05 novembro 2020
Visita a Covelo

O investimento de preto de 184.000 euros por parte da Deputación permitiu á veciñanza de Covelo dispoñer dunha nova praza ao redor da igrexa de San Bartolomeu da Lamosa e unha rede de saneamento que acaba cos problemas no núcleo da Graña, dous núcleos do territorio municipal que acaban de recibir o impulso do Plan Concellos. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Juan Pablo Castillo, visitaron hoxe as obras e destacaron a mellora que supoñen para a prestación de servizos públicos de calidade desde o rural.

Santos Héctor cualificou as obras como "espectaculares", pois contribúen "á mellora da calidade de vida e tamén do medio ambiente no medio rural". Na Lamosa, destacou, gáñase "un contorno precioso, que invita a gozar do patrimonio". Engadiu que este espazo dispón agora dun pavimento digno "que invita" e concluíu que "Covelo gañou unha praza". En canto ao saneamento da Graña lembrou que é case un km de tubaxes e, ademais, fai posible unha senda peonil para a veciñanza. Pola súa banda, o alcalde de Covelo destacou que trátase de dúas actuacións que eran moi necesarias "e foron ben pensadas e ben executadas". Por este motivo expresou o agradecemento á Deputación "e tamén pola calidade dos remates das obras, feitos con gusto e unha moi boa estética".

As obras de acondicionamento patrimonial da praza da igrexa de San Bartolomeu da Lamosa tiveron un orzamento de 121.020 euros e supuxeron a creación dun espazo de convivencia veciñal no contorno do templo, o palco da música, o peto de ánimas e o cemiterio. Un conxunto patrimonial que agora queda embelecido e en perfectas condicións de uso. O anterior pavimento de cemento e terra, moi deteriorado, foi substituído por lousa de granito nunha superficie duns 750 metros cadrados e zonas complementarias de lastra rústico, con outros 300 metros de superficie. Colocouse tamén unha varanda de seguridade, bancos, unha árbore e, finalmente, pintouse o palco. A maiores dotouse á zona dunha praza sinalizada para aparcamento de persoas con diversidade funcional.

Na outra punta do municipio, na Graña, a subvención de 62.255 euros da Deputación a través do Plan Concellos fixo posible a construción da rede de saneamento que dá servizo xa a 15 vivendas. Un colector que, ademais, quedou preparado para catro novas redes secundarias que se estenderán por todo o núcleo, permitindo o seu saneamento integral nun ámbito moi próximo ao río Tea. O proxecto consistiu no tendido de tubaxes de 315 a 160 milímetros de sección en función das características dos tramos e a reposición de tódolos pavimentos de asfalto, formigón e pedra afectados.

A Deputación leva investidos máis de 4,5 millóns de euros en Covelo desde que no ano 2015, Carmela Silva chegou á Presidencia e cambiou o modelo de relación cos concellos, establecendo un financiamento regrado e sostido con achegas anuais a través do Plan Concellos. No caso de Covelo, realizáronse 31 obras, subvencionáronse 34 actividades socioculturais municipais e fíxose posible a contratación de 95 persoas para prestar funcións temporais en diversos servizos municipais. Covelo é, ademais, un dos concellos da provincia que obtivo financiamento no marco dos dous plans extraordinarios convocados pola Deputación neste período. Así logrou, en concorrencia competitiva, 287.407 euros para a Mellora e Humanización da praza de Barciademera ( Plan de Reequilibrio) e outros 91.323 euros para a mellora da seguridade viaria de Covelo, Maceira, Casteláns, Barciademera, Santa Mariña, Prado e Paraños (Plan DepoRemse).

Fotos