Noticias

"Costuras de Alecrín. By Rías Baixas" chega a Forcarei cun espectáculo único de moda, música, danza e patrimonio impulsado pola Deputación

Tralo seu éxito en Vigo, o desfile de traxes de deseño galego e tradicional, acompañado dun espectáculo de música e danza celebra a súa segunda cita este venres 19 no Mosteiro de Aciveiro


17 novembro 2021

A tradición e a moda galega serán as grandes protagonistas dun novo encontro que xirará arredor da riqueza do noso patrimonio inmaterial. "Costuras de Alecrín. By Rías Baixas" é a nova aposta da Deputación de Pontevedra para pór en valor a moda galega, a máis emerxente a nivel nacional, no marco dun espectáculo no que estarán moi presentes a música e a danza tradicional. Tralo seu triunfo na cidade olívica, esta especialísima pasarela chegará o venres 19 de novembro, ás 20.00 horas, ao Mosteiro de Aciveiro (Forcarei) e, finalmente, ás Ruínas de Santo Domingo (Pontevedra), o venres 10 de decembro. O evento está aberto a todos os públicos de xeito gratuíto.

"Costuras de Alecrín. By Rías Baixas" nace co obxectivo de reivindicar o papel da indumentaria tradicional e apoiar a creación de deseñadores/as emerxentes. Así, contará cunha selección de traxes de tradición galega e nacional da deseñadora artesá galega Reme Espantoso, especializada no deseño e creación de traxes tradicionais e de noiva; e do cordobés José Perea, coñecido polo seu triunfo en "Maestros de la Costura Argentina 2020" e gañador do Premio Joven Diseñador Nacional 2018 e Diseñador Novel Andalucía 2017.

O desfile, conducido pola actriz e presentadora Diana Nogueira, estará acompañado dunha actuación de música e danza da man da artista Rosa Cedrón; o músico e compositor, Christian Silva; o coreógrafo e fundador da compañía Entrecaixas, Iván Villar e a directora da compañía Erixe e bailarina de danza contemporánea, Estefanía Gómez. O estilismo dos modelos/as da pasarela estará a cargo de Óscar Novo.

As persoas interesadas poden inscribirse de xeito gratuíto a través do enderezo electrónico da área de Cultura da Deputación (participa.cultura@depo.es) facilitando o seu nome completo e un teléfono de contacto. Cada asistente poderá facerse cun máximo de catro entradas.