Noticias

Corenta estudantes voltan á provincia tras finalizar a súa estadía no estranxeiro na primeira mobilidade do programa "Practicum Depo" impulsado pola Deputación

Mediante este programa a institución provincial promove a permanencia de 123 rapaces e rapazas en países europeos, para a realización de prácticas en empresas durante 196 días co obxectivo de facilitarlles a inserción no mercado laboral


01 mai 2016

Corenta alumnos e alumnas da primeira mobilidade do programa "Practicum Depo" impulsado pola Deputación de Pontevedra, coa finalidade de que o alumnado teña a oportunidade de aprender e adaptarse ó entorno e a incrementar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral, volta á provincia este domingo tras seis meses de estadía no estranxeiro.

"Practicum Depo" enmárcase no programa europeo Erasmus + para o período 2014-2020 que ten por obxectivo que os participantes adquiran novos contidos relacionados coa súa profesión, coñezan a cultura do país de destino, melloren o dominio de linguas, detecten oportunidades de emprego e, en definitiva, completen os seus coñecementos.

Os beneficiarios son estudantes, con residencia no noso país e maiores de 18 anos, de ciclos medios de formación profesional que deben iniciar e finalizar a mobilidade durante os 12 meses posteriores á data de obtención da súa titulación. En concreto, o programa permitirá que 123 persoas realicen as súas prácticas formativas en Finlandia, 21 persoas, 30 en Francia, 37 en Italia e 35 en Reino Unido.

Os 40 mozos e mozas que participaron na primeira mobilidade comezaron a súa estancia no país elixido o 19 de outubro e finalízana hoxe, 1 de maio. Deles, 25 desprazáronse a Belfast, Reino Unido, 2 a Cori, 4 a Terranova da Sibari e 9 a Corigliano, Italia. Coa súa finalización os e as estudantes recibirán un certificado de asistencia na empresa, un diploma de aproveitamento de prácticas no estranxeiro expedido pola institución provincial e o documento de mobilidade Europass.

Mediante este programa o goberno provincial promove a permanencia no estranxeiro de estudantes de ciclos medios de Formación Profesional, co obxectivo de realizar prácticas en empresas dos países europeos participantes durante 196 días para facilitarlles o proceso de transición do ámbito da educación e a formación ao mercado laboral. Para poder afrontar a estadía a institución outorga axudas económicas distribuídas en dous bloques: contribución para viaxes, 275 € ou 360 € en función do país de destino, e entre 7.934 € e 9.602 € para manutención, aloxamento e transportes locais.

A segunda das estadías comezou o pasado 24 de abril con 24 estudantes e a terceira terá lugar o proximo mes de outubro cun grupo de 56 alumnos e alumnas.