Noticias

Conta atrás para a piscina de Cambados. O Goberno de Carmela Silva adxudica a redacción do novo proxecto

A Deputación de Pontevedra acaba de asinar a adxudicación coa empresa, que terá un prazo máximo de tres meses para elaborar o proxecto


30 maio 2017
Contratación piscina Cambados

A Deputación de Pontevedra asinou hoxe a adxudicación da redacción do proxecto básico e de execución das obras relativas á substitución da cuberta e á actualización das instalacións da piscina climatizada do complexo polideportivo do Pombal, en Cambados. Deste xeito, o Goberno da institución provincial inicia a conta atrás para que a veciñanza de Cambados poida volver facer uso destas instalacións, confirmando do mesmo xeito o seu compromiso total e absoluto cun proxecto prioritario para O Salnés.

Por un importe de 21.586,40 euros (IVE engadido), a empresa adxudicataria do proxecto foi "Naos 04 Arquitectos, S. L. P.", que se compromete a redactalo nun prazo máximo de tres meses. Malia a iso, o Goberno de Carmela Silva está a traballar arreo para que se reduzan os prazos na medida do posible, garantindo non só que as veciñas e os veciños de Cambados poidan volver a dispoñer destas instalacións no menor tempo posible senón tamén a calidade dos traballos.

Antes da adxudicación deste contrato, a Deputación xa elaborou o estudo xeotécnico, avanzando coas tramitacións pertinentes coa máxima celeridade. Ademais, desde o momento no que a empresa entregue o proxecto básico e de execución da obra e se lle dea o visto bo, o Goberno provincial sacarao a licitación. Unha vez que comecen as obras, as usuarias e usuarios da piscina de Cambados poderán empregar a de Vilagarcía de Arousa, xa que a empresa encargada da súa xestión é a mesma.

A finais de 2016, a Deputación de Pontevedra tivo que rescindir o contrato da obra ante a serie de deficiencias que presentaba o proxecto herdado do Goberno anterior da institución provincial. Aquel primeiro proxecto non solucionaba os problemas que presentaba o espazo, na cuberta da piscina e tamén noutras estancias como os vestiarios, nin tampouco se axustaba á normativa.