Noticias

Deputación e Concello de Vigo dan resposta a unha "demanda histórica da cidade" coa construción do novo pavillón deportivo cuberto da rúa Romil

Carmela Silva e Abel Caballero colocaron a primeira pedra desta actuación, que supón un investimento de case 2,2 millóns de euros


10 outubro 2018
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, colocaron esta mañá a primeira pedra das obras do novo Pavillón Deportivo cuberto de Romil, enmarcadas no convenio de colaboración entre Goberno provincial e Concello para a renovación, mellora e actualización de diversas instalacións deportivas da cidade. A actuación conta cun orzamento de 2.191.542 euros, dos que a Deputación achega o 60 % e o Concello o 40 % restante, e ten un prazo de execución previsto de 11 meses.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque "hoxe se lle dá cumprimento a unha nova demanda histórica da cidade de Vigo, unha demanda cun edificio inacabado, que afeaba o entorno, e que a partir de agora, se lle vai dar un contido deportivo, de recuperación do espazo público e de socialización. Absolutamente feliz porque os e as responsables políticas estamos para dar resposta ao que a xente demanda".

A presidenta explicou que a xornada de hoxe é "unha vez máis, un gran día para a cidade de Vigo porque volvemos demostrar que todo cambiou desde que a Deputación de Pontevedra está gobernada por unha muller viguesa, primeira tenente de alcalde de Vigo, e que desde o primeiro momento se comprometeu con que todo ía cambiar e Vigo ía ter o financiamento que lle correspondía. A historia da Deputación en Vigo foi a de non investir na cidade e todo isto cambiou desde fai tres anos".

Pola súa banda, o alcalde de Vigo manifestou que este edificio de Romil é "o mellor exemplo do que nunca se debería facer en política, empezar cousas, non rematalas e que se acaben convertendo en auténticos bodrios". Abel Caballero sinalou que, pola contra, a obra hoxe empezada é o claro exemplo de como se deben facer ben as cousas en política, "un modelo de actuación indiscutible de colaboración e cooperación entre institucións".

As obras que se van desenvolver en Romil, adxudicadas á empresa "Construcións Ramírez", van rematar cunha estrutura sen uso e en estado ruinoso que levaba vinte anos inacabada. O novo espazo deportivo terá preto de 3.000 metros cadrados de superficie, cunha fachada singular a modo de biombo que aportará calidade arquitectónica e cunha pequena praza pública que servirá para humanizar a zona.

Na parte baixa do novo pavillón haberá un gran espazo polivalente e no primeiro andar disporá doutros tres espazos polideportivos polivalentes, ademais de vestiarios e de servizos complementarios. O pavillón contempla ademais espazos para ximnasia acrobática, escalada e práctica de deporte en xeral. Este novo espazo deportivo estará tamén a disposición do alumnado do colexio Doutor Fleming, que se sitúa xusto ao lado, e ao que asisten preto de 1.000 rapazas e rapaces.

No marco do convenio para instalacións deportivas en Vigo entre Deputación e Concello, no que se enmarca esta actuación, estanse investindo un total de 9,2 millóns de euros para distintos proxectos. Ademais, ambas institucións están desenvolvendo na cidade outras actuacións, como a humanización da estrada provincial, o carril bici entre Teis e Samil, a posta en valor de Villa Solita, a execución de obras de substitución de firme en distintos puntos do municipio, a promoción dos recursos turísticos de Vigo ou as novas aulas da UNED.

Fotos