Noticias

Constituído o xurado dos primeiros Premios Provinciais á Xuventude da Deputación de Pontevedra

A convocatoria conta con sete categorías, cada unha delas con 3.000 € entre primeiros, segundos e terceiros premios, que serán decididos na última quincena de novembro


20 outubro 2017
Contitución do xurado

A Deputación de Pontevedra constituíu durante a mañá deste venres o xurado que fallará durante a segunda quincena de novembro os gañadores dos Premios Provinciais á Xuventude, dirixidos ás mozas e mozos da provincia de entre 16 e 35 anos. Os premios están dotados con 21.000 € repartidos en sete categorías e teñen como obxectivo promover o talento e o potencial da xuventude da provincia de Pontevedra.

Nas categorías de traballo literario breve, traballo musical, fotografía e blogs haberá un primeiro premio de 1.500 €, un segundo de 1.000 € e un terceiro de 500 €. Para as iniciativas sociais e empresariais e para os traballos de educación en valores establecéronse primeiros premios de 2.000 € e segundos premios de 1.000 €.

Para a categoría de iniciativa social o xurado está composto por Digna Rivas, deputada de Cohesión Social e Xuventude, como presidenta do xurado e como vocais Sandra Vázquez Vázquez, xefa de sección do servizo de Cohesión Social e Xuventude, Guillermo Vergara Muñoz, vicepresidente da Fundación Paideia, e Víctor González Meizoso, xerente do Colexio Profesional de Traballadores Sociais.

En canto á iniciativa empresarial, compoñen o xurado Javier Dios, deputado de Innovación e Promoción Económica, e Begoña Estévez Bernárdez, xefa do servizo de Cohesión Social e Xuventude, Pablo Fernández López, presidente de AJE Pontevedra, e Ignacio Virel, xefe de proxectos SmartPeme, como vocais.

Na categoría de blogs o xurado está composto por Ana Costas, directora de comunicación da Deputación de Pontevedra, como presidenta, e como vocais Begoña Estévez Bernárdez, xefa do servizo de Cohesión Social, Alberto Rivas Álvarez, membro da Asociación Galega de Blogueiros, e Rebeca Domínguez, xefa de sección de comunicación institucional.

Pola súa banda, para a categoría de educación en valores compoñen o xurado Juan González, deputado de Cooperación, como presidente, e Sandra Vázquez Vázquez, xefa de sección do servizo de Cohesión Social e Xuventude, Mónica Viqueira Martínez, delegada territorial de Educo Galicia, e José Manuel Suárez, presidente da Asociación Profesional de Pedagogos/as e Psicopedagogos/as de Galicia, como vocais.

Na selección dos premiados na categoría de traballo musical o xurado está composto por Santos Héctor, deputado de Promoción Turística, Fomento de Industrias Turísticas e Artesanía e Turismo Rías Baixas, como presidente, e como vocais, Begoña Estévez Bernárdez, xefa do servizo de Cohesión Social e Xuventude, José Pérez Arias, vicedirector do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, e Susana Laya Fernández, co-directora do Atlantic Fest.

En canto ao traballo literario breve o xurado está conformado por Xosé Leal, deputado de Cultura, Lingua e Patrimonio, como presidente, e Sandra Vázquez Vázquez, xefa de sección do servizo de Cohesión Social e Xuventude, Elena Gallego Abad, escritora e xornalista, e Francisco Castro Veloso, director da Editorial Galaxia, como vocais.

Por último, na categoría de fotografía orixinal, o xurado está composto por Montse Magallanes, deputada de Emprego, como presidenta, e como vocais Begoña Estévez Bernárdez, xefa do servizo de Cohesión Social e Xuventude, Xulio Gil, fotógrafo, e Susana Cendán Caaveiro, vicedecana de organización académica da facultade de Belas Artes.

Nos xurados de todas as categorías o secretario é Carlos Cuadrado Romay, secretario xeral da Deputación de Pontevedra.

Durante o prazo de presentación de candidaturas a Deputación de Pontevedra recibiu preto de 100 traballos dos mozos e mozas da provincia de entre 16 e 35 anos. Deste xeito, optan ao premio un total de 29 propostas para fotografía, 24 traballos literarios breves ou 15 gravacións musicais, 12 propostas na categoría de blogs, outras 6 na de iniciativa empresarial, 3 proxectos de educación en valores e 2 proxectos de iniciativa social.