Noticias

Concertos e outras actividades no festival "Demontesound"

O Deputado delegado de Turismo, Santos Héctor, presidiu o acto de promoción do festival que terá lugar este sábado 23 de xullo en Cerdedo


20 jul 2016

O deputado delegado de Turismo, Santos Héctor, asistiu esta mañá ao acto de presentación do festival "Demontesound" que se celebrou na sede de Turismo Rías Baixas, o Palacete das Mendoza. Ao acto tamén asistiron representantes tanto da organización do festival coma do concello de Cerdedo, a vila onde terá lugar "Demontesound" este sábado, 23 de xullo. A quenda, que reunirá concertos musicais e outras actividades, como visitas guiadas, postos de artesanía ou obradoiros, comezará ás 12:30 horas do mediodía e estenderase ata aproximadamente as 6 da madrugada. A popular banda Celtas Cortos son os cabezas de cartel desta segunda edición.

Santos Héctor asegurou que dende a Deputación, e tamén a presidenta provincial, Carmela Silva, atópanse "moi satisfeitos e satisfeitas de poder colaborar coa Asociación Co-Enrédate", a organizadora do festival, "e con todo o concello de Cerdedo" porque, salientou, "non só o equipo de goberno municipal se involucrou con esta iniciativa, senón toda a corporación". O deputado fixo fincapé no obxectivo que persegue o "Demontesound", que é "a mellora da economía e do emprego a través do coñecemento que se lle pode dar ás terras da comarca de Terra de Montes co festival, pólas no mapa e converterse no punto de inicio da correa de transmisión que faga que outras persoas as visiten".

Unha das organizadoras do evento, Verónica Pichel, fixo un repaso por todas as actividades organizadas ao abeiro do festival: concertos musicais (os cabezas de lista Celtas Cortos, grupos como The Picos Pardos, Poetarras ou a banda de gaitas de Forcarei), visitas guiadas pola comarca, postos de artesanía, unha carpa de comida ou obradoiros entre os que resaltan os de empatía con persoas sordocegas ou un contacontos en linguaxe de signos. "Queremos sensibilizar e acoller a todo o mundo, ter en conta a todas as persoas", sinalou Pichel a este respecto.

Dende o concello de Cerdedo sinalaron que a organización deste festival "é un esforzo importante, sobre todo nun concello coma o noso que é pequeno, e polo tanto o festival é unha actividade moi importante". Tamén se salientou a necesidade de "potenciar o turismo de interior" tanto no concello coma toda a comarca, agradecendo á vez a colaboración de Co-Enrédate e da Deputación de Pontevedra.

As entradas aínda están á venda ao prezo de 8 euros no servizo de venda de entradas "Ataquilla", e tamén se poderán adquirir o mesmo día do festival por 12 €. Entre os servizos que se ofertan atópanse dúas zonas de acampada –unha máis familiar e tranquila e outra máis "para os e as colegas", sinalou a organización–, aparcadoiro gratuíto e unha pulseira que permite aos e ás asistentes entrar e saír do festival tantas veces queiran "para poder gozar da contorna e o seu marabilloso paisaxe, como a praia fluvial do río Castro e o patrimonio romano de San Antón".