Noticias

Concellos da provincia presentarán as súas iniciativas sobre o patrimonio no posto da Deputación no Culturgal

Trátase de tres bloques de micropresentacións, nas que en tan só 5 minutos se darán a coñecer diferentes proxectos relacionados co patrimonio material e inmaterial


29 nov 2016
Culturgal
Culturgal

"Esta edición do Culturgal é para nós como un paso intermedio entre o Ano Castelao que estamos a piques de rematar e o Ano do Patrimonio" asegurou Xosé Leal durante a presentación das actividades propias da Deputación na Feira das Industrias Culturais. O deputado estivo acompañado polos comisarios da exposición 'Pegadas na Terra', Paula Cabaleiro e Antón Sobral, polo arqueólogo que participou na realización do Mapa do Patrimonio, Fran Alonso, e polo presidente da asociación ORAL, Carlos Alonso, que promoveu a publicación do libro sobre improvisación en verso 'Repente Galego', iniciativas todas elas promovidas pola Deputación.

No Culturgal que comezará o vindeiro venres, a Deputación volverá colocar un posto no que participan os concellos da provincia - este ano un total de 35 concellos- con material e iniciativas relacionadas co Patrimonio, tanto material como inmaterial. En esencia repetirase o esquema do ano pasado, cunha zona do posto para material impreso - folletos e dípticos-; dúas pantallas para visionado de vídeos; e un espazo para consulta de publicacións. Este ano engadíronse dous apartados máis: un espazo para que rapaces e rapazas poidan usar a app educativa 'As viaxes de Castelao', e un programa de micropresentacións no que os concellos terán a oportunidade de amosar a súa riqueza patrimonial.

Programa micropresentacións

Trátase de tres bloques de presentacións, de 5 minutos cada unha, nos que quince concellos amosarán iniciativas e propostas culturais relacionadas co seu patrimonio. "O que quixemos é dar un espazo diferente aos concellos dentro do posto pero con dinamismo para o público" afirmou Xosé Leal. Os bloques inclúen cinco micropresentacións, e terán lugar o sábado pola mañá entre as 13 e as 13:25 horas; o mesmo día pola tarde entre as 18:30 e as 18:5 horas; e o domingo pola mañá entre as 13 e as 13:25 horas. E todas se realizarán no espazo do posto da Deputación.

A primeira destas  micropresentacións será a correspondente ao Concello de A Illa de Arousa, que elixiu para presentar o programa 'Cultura nos Cons' ao actor e contador Carlos Blanco. No mesmo día continuarán os concellos de Poio e Bueu con iniciativas relativas ás embarcacións tradicionais e á salga, e os dous últimos concellos serán Cambados, coa musealización do legado de Cabanillas, e Covelo co Ciclo de Música Relixiosa de San Martiño de Barcia de Mera. Nos seguintes bloques participarán Ponteareas, Barro, Marín, A Guarda, Cuntis, Vilaboa, Rodeiro, Ribadumia, Nigrán e As Neves. Xúntase programa co calendario, os concellos, as persoas intervintes, e os proxectos.

Mapa do Patrimonio

Trátase dun documento que recolle, en cada concello da provincia, os elementos patrimoniais máis representativos. O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, será o encargado de presentalo no programa xeral do Culturgal, o sábado 3 ás 12:15 horas no Espazo Foro. Segundo explicou Leal, ademais de distribuílo no Culturgal e envialo a todos os concellos, tamén se colgará na web da Deputación unha versión dixital que incluirá a xeolocalización dos 400 elementos que recolle.

Pola súa banda, Fran Alonso, o arqueólogo da empresa encargada da realización do mapa asegurou que "é o resultado dun traballo colaborativo cos concellos e co Museo de Pontevedra". Primeiro realizouse unha consulta con todas as localidades para que achegaran os elementos patrimoniais máis representativos e máis singulares, e despois o persoal do Museo revisou todas as achegas desde un punto de vista profesional e técnico. "Intentamos incluír unha perspectiva o máis ampla posible do Patrimonio, que dea cabida tanto aos petróglifos e ao patrimonio arqueolóxico, como a outros elementos máis modernos como o patrimonio industrial" asegurou Fran Alonso.

'Pegadas na Terra'

A exposición de arte contemporánea que promove a Deputación, a través do Museo de Pontevedra, terá como elemento central nesta edición a relación dos e das artistas coa natureza e co territorio. Volve a estar comisariada por Paula Cabaleiro e por Antón Sobral, que para esta ocasión reuniron a un total de 18 artistas: María Álvarez, Alberto Bidarra, Carla Andrade, Xoan Cerviño, Roi Dominguez, Maribel Longeuira, Bibi Mrtín, Xurxo Oro Claro, Alberto Pena, Lemuel Quiroga, Reme Remedios, Neves Seara, Jorge G. Valenciano, Edu Valiña, Christian Villamide, Román Corbato, Miguel Benjuema, e Fran Herbello.

A comisaria Paula Cabaleiro salientou a "aposta por unha mostra heteroxénea orientada a todos os públicos que se achegan ao Culturgal pero tamén para o público específico da arte contemporánea". A comisaria explicou que todas as obras amosan "a relación do artista coa natureza e co territorio, ben a través dun diálogo directo, ou doutros xeitos como a mestura de elementos naturais no proceso creativo". Asegurou que a exposición atende tanto a artistas novos como a nomes da arte xa consolidados, e mesmo procedentes doutras disciplinas como a arquitectura e a moda. Tamén terán especial protagonismo as pezas que "incorporan ao espectador, que o fan partícipe e que o involucran física ou emocionalmente". Ao igual que na pasada edición, esta exposición de arte contemporáneo inaugurarase o mesmo día do Culturgal e permanecerá aberta ata o 8 de xaneiro.

'Repente Galego'

O domingo 4 ás 11:30 horas no Espazo Libro presentarase 'Repente Galego', un libro sobre a improvisación en verso editado polo Servizo de Publicacións da Deputación. Trátase dun estudo, pioneiro na Galiza, auspiciado pola Asociación ORAL. O seu presidente, Carlos Alonso, relatou que este estudo parte das coñecidas regueifas, "que foron a primeira manifestación desta tradición" e que fai un percorrido ata manifestacións máis actuais como o rap.

O libro trata de poñer en valor, en palabras de Carlos Alonso "que non é unha manifestación que quedou anclada no pasado senón que nos foi acompañando ao longo de toda a nosa historia". Alonso citou entre as formas nas que se aprecia a permanencia desta tradición os 'atranques', os 'maios', a poesía actual e o rap.

Photocall Gala Ano Castelao

Na entrada do recinto á zona dos postos do Culturgal, a Deputación instalará un photocall da Gala Ano Castelao. Terá a imaxe do cartaz elaborado por Rei Zentolo e contará con outros elementos referenciais como unha silueta de Castelao a tamaño real e antifaces coas icónicas gafas e sombreiro do autor.

Trátase dunha acción promocional coa que se quere dar a coñecer o espectáculo multidisciplinar co que o departamento provincial de Cultura porá o colofón a este Ano  Castelao. Hai que lembrar que a Gala terá lugar o domingo 18 de decembro ás 18 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, e que contará con actuacións de Carlos Blanco e Luis Davila, Limiar Teatro, Celso Parada, 2naFronteira, Xurxo Souto e Lydia Botana, e que estará presentada pola actriz Bea Campos.