Noticias

Carlos Font exprésalle ao director do centro da UNED o compromiso da Deputación coa Universidade Nacional de Educación a Distancia, "que ten un gran potencial nesta provincia"

Víctor González destacou a oportunidade que se abre co nomeamento de Pontevedra como cabeceira do campus Noroeste e ofertou a colaboración académica para actividades de formación tanto para a propia Deputación como para os concellos da provincia


20 outubro 2020
Carlos López Font e Víctor González

A Deputación de Pontevedra e a Universidade Nacional de Educación a Distancia reiteraron hoxe a súa vontade de "leal cooperación" durante a visita institucional na que o deputado Carlos López Font recibiu ao novo director do centro asociado provincial, Víctor González. "A relación entre a Deputación e a UNED sempre foi magnífica e así queremos que continúe sendo", destacou o deputado.

López Font deu a benvida ao director, que provén do Centro Asociado de Segovia, e que, co seu traslado, trae tamén a Pontevedra a sede central do Campus Noroeste, o que significará a coordinación dos 14 centros asociados de Galicia, Asturias, Castela-León e Estremadura e un maior rango para o que xa, de facto, é o centro de maior tamaño do campus. Font desexoulle "os maiores éxitos" en nome da presidenta, Carmela Silva, e transmitiulle todo o seu apoio nesta andaina que comeza.

O deputado destacou que a Deputación cre no "gran potencial da UNED, que coa súa actividade, impregna a toda a provincia" e recalcou que a Deputación non está "só de xeito nominal na UNED, senón por convencemento no modelo que ofrece". O deputado engadiu que xa antes da pandemia a Universidade Nacional de Educación a Distancia tiña demostrado ser "un instrumento moi válido e, agora, aínda máis".

Víctor González agradeceu o apoio e recalcou que a Deputación "non é que colabore, senón que é parte da UNED porque está no seu Consorcio". Ao mesmo tempo destacou a oportunidade que se abre co nomeamento de Pontevedra como cabeceira do Campus Noroeste. Neste eido ofertou a colaboración académica para actividades de formación tanto para a propia Deputación como para os concellos da provincia. "Estamos aquí para colaborar no que se nos demande". O ofrecemento foi moi ben acollido con López Font, quen puxo o exemplo da recente implantación da Administración Electrónica nos concellos na provincia gracias ao soporte técnico achegado desde a Deputación.

O novo director anunciou que en canto remate a rolda de presentacións e contactos tanto dentro como fóra do centro asociado convocará unha xuntanza da Xunta Reitora do Consorcio do Centro Asociado para expoñer as liñas de actuación que vai desenvolver neste curso e no futuro.