Noticias

Colectivos de Moaña e Cangas reciben máis de 16.000 euros de subvención da Deputación para rehabilitar dous galeóns

A deputada de Patrimonio, María Ortega, explica que as entidades beneficiarias serán Sueste e Sodináutica


02 setembro 2021
embarcacións tradicionais

A comarca do Morrazo vai recibir máis 16.000 euros en subvencións para poñer en valor o seu patrimonio marítimo fluvial da man de dous colectivos, Sueste e Sodináutica, que rehabilitarán ambos os dous galeóns. Segundo explica a deputada de Patrimonio, María Ortega, este venres a Xunta de Goberno da Deputación aprobará a concesión das axudas para a Recuperación e posta en Valor do Patrimonio Marítimo Fluvial que, en toda a provincia, chegarán a dezaseis asociacións e suman un total de 128.354,46 euros.

A deputada responsable da área amosouse satisfeita da evolución do apoio provincial ao patrimonio marítimo fluvial, que no 2020 –o primeiro exercicio das axudas– chegara a 14 colectivos e repartira algo máis de 100.000 euros. A nacionalista animou ás entidades a solicitar nos vindeiros anos o apoio da Deputación xa que as subvencións, dixo, foron "concibidas para mellorar o estado de conservación do noso patrimonio e aliviar as cargas económicas das asociacións quen, con moito voluntarismo, asumen moitos gastos para poder conservar e poñer en valor aquilo que, por ter gran valor patrimonial, é de todas e todos nós".

No caso do Morrazo, ambos colectivos beneficiarios xa recibiran axudas o pasado ano. Nesta ocasión a Asociación Recreativa e Cultural Sueste ingresará outros 13.888,67 euros para o galeón Eliseo, mentres que a Asociación Sodináutia recibirá 2.280 euros para a reparación do galeón muradán.

No total da provincia a liña de axudas para a recuperación e posta en valora do patrimonio marítimo fluvial chegou a 16 colectivos, principalmente localizados no Salnés (10), pero tamén en Pontevedra (1) e Vigo (3).

Musealización ou promoción sociocultural

Entre as actuacións que podían recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan o mantemento da embarcación; así como accesorios e equipamento das embarcacións que fosen de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…), sempre destinándose a actividades de promoción sociocultural ou musealización, encaixados na Liña 1 das subvencións.

Outras das actuacións subvencionadas permitida (Liña 2) eran as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural. Tamén se permitían axudas (Liña 3) ás intervencións realizadas sobre construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais, mais para este subapartado non se presentaron solicitudes.

As axudas desta iniciativa do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, tiñan un orzamento de 150.000 euros. O importe máximo da subvención para cada actuación non podía exceder do 80 % do seu custo total e tampouco non superar o importe de dez mil (10.000,00) euros, mais como nesta edición de 2021 os proxectos financiados non esgotaron a partida orzamentaria, incrementáronse as cantidades para cada colectivo baixo criterios de proporcionalidade e respectando a concorrencia competitiva, así como a valoración técnica do proxecto.

Todas as actuacións subvencionadas teñen a obriga de empregar solucións construtivas de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais propios, quedando excluídas da convocatoria os usos para a pesca ou a acuicultura.