Noticias

O Museo abre unha mostra con versións infantís de dez pezas singulares da súa colección permanente realizadas nos obradoiros de ‘O Museo en Camiño'

A instalación fíxose cos traballos de rapazada de Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures e Padrón


24 setembro 2021
O Museo en Camiño

O Museo de Pontevedra acollerá ata o  vindeiro 24 de outubro a mostra que pecha o programa ‘O Museo en Camiño' con traballos feitos por rapazada de Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures e Padrón no marco dos obradoiros homónimos organizados para poñer en valor o Museo de Pontevedra e o Camiño Portugués a Santiago.

A iniciativa, levada a cabo da man da Xunta de Galicia, levou ás localidades do Camiño un ‘caixón viaxeiro' con réplicas de dez pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra ‘Santa María dende A Caeira' de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra ‘O Mercado' de Carlos Maside, ‘A Terra' de Manuel Torres, ‘Santa Tegra' de Lugrís, e ‘Mulleres parolando' de Luis Seoane.

En cada unha das poboacións traballouse en grupos de nenos e nenas con cada unha das obras xerando materiais e resultados diferentes: a partir da autocaricatura de Castelao a rapazada traballou o autorretrato, definíndose graficamente facendo un debuxo de si mesmos, e tamén mediante a escritura, facendo un pequeno texto no que caracterizarse; co Tesouro de Caldas falouse da xoiería e da maneira de traballar da época, e a rapazada fixo unhas ‘xoias' a partir de estaño , coas que primeiro traballaron graficamente facendo un deseño en papel que logo pasaron ao metal; co Retablo de San Acacio, "unha especie de cómic medieval", fixeron unha historia en tres actos -tres viñetas- nas que contan unha historia espacial... En cada lugar desenvolvéronse actividades diferentes intentando sorprender ás nenas e nenos participantes e cuxos orixinais resultados poden verse agora na instalación situada no vestíbulo de cristal do Edificio Castelao do Museo.

Na apertura da mostra, o director do Museo destacou a satisfacción co resultado dos obradoiros, que definiu como suxestivos e atractivos. Subliñou que a de levar o Museo fóra dos seus límites físicos converteuno nun "museo difuso" con presenza en diversos puntos do territorio atravesados polo Camiño: "A través de actividades deste tipo nas que a rapazada pode participar de xeito colaborativo establécense vínculos e afectos co Museo, coa colección e o seu patrimonio, e dalgunha maneira o Museo pode cumprir un dos seus retos que é converterse nun elemento dinamizador e transformador da nosa comunidade".

Pola súa banda, o xefe da área provincial de Turismo, Felipe Ferrero, subliñou que dende a Axencia de Turismo buscouse  dar a coñecer o Museo e tamén potenciar o Camiño como unha ruta cultural, turística e patrimonial que é importante que a xente moza vencelle coa súa poboación.

Finalmente, África Martinez, como representante do grupo impulsor do proxecto, formado por dúas entidades Paspallás e Taller Abierto en colaboración da Universidade coas profesoras Itziar Ezquieta e Begoña Paz do departamento de Didácticas Especiais, destacou a parte didáctica do traballo.

Subliñou que  se fixo unha panorámica co contido do Museo dende a Prehistoria ata o século XX a través de actividades formuladas para chegar tanto ás crianzas como a persoas non familiarizadas coa arte. "A través da exposición pódense coñecer pezas moi importantes para o noso patrimonio cuxos orixinais están nas salas da colección permanente do Museo", explicou, sinalando que os traballos das e dos pequenos amosados na mostra do vestíbulo acompáñanse dun código QR no que se poden visualizar vídeos de como fixeron cada unha das creacións, así como as indicacións para poder visitalas de forma presencial no Museo.

Fotos