Noticias

Coa poesía de Carmen Quinteiro "Violencia Zero", o programa provincial contra as violencias machistas, desmonta en Bueu a narrativa dos contos de princesas

A deputada provincial Chelo Besada asistiu na praza de Masso á actuación, onde subliñou a importancia de "reivindicar e visibilizar cada día a loita fronte as violencias machistas"


09 agosto 2018
Mulleres en Acción. Violencia Zero en Bueu

A deputada provincial, Chelo Besada, xunto ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, e ao deputado de Cultura, Xosé Leal, asistiu este xoves a unha nova intervención artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A protagonista do acto foi a poetisa Carmen Quinteiro, que fixo reflexionar ao público asistente a través da súa obra "Niños", na que desmontou a narrativa dos contos populares, de princesas, príncipes e dragóns. Antes da performance que realizou na praza Massó a artista pontevedresa subliñou respecto a "Mulleres en Acción. Violencia Zero" que "é un programa único e moi preciso, é un verdadeiro orgullo poder participar nesta iniciativa da Deputación".

A deputada, Chelo Besada, afirmou que "somos un Goberno comprometido coa igualdade, de feito coa nosa chegada ao Goberno provincial creamos o Servizo de Igualdade, inexistente ata o momento, e a través del podemos levar a cabo este tipo de actuacións tan precisas para pelexar contra as violencias machistas que por desgraza cada ano van a máis". Besada tamén sinalou que "temos que poñer freo ás violencias machistas e para conseguilo non podemos reivindicar e visibilizar a loita fronte este problema tan só o 25 de novembro, é importante que o fagamos cada día e neste senso son de moito valor actuacións como a de hoxe".

Pola súa banda, Carmen Quinteiro, que na súa performance contou coa colaboración da guitarrista e cantante Sheila Patricia e da súa sobriña Paula Gutiérrez, como actriz, tamén quixo resaltar que "a igualdade é moito máis que un dereito, é xustiza natural".

Por último, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, agradeceu o traballo que está a facer a Deputación de Pontevedra en termos de igualdade e sinalou de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" que "é un proxecto sincero e comprometido que nace para que as administracións poidamos crear sinerxías e así loitar con máis forza fronte as violencias machistas". Ademais, quixo agradecer "á Deputación de Pontevedra e a todas as artistas que fan posible que poida saír adíante este proxecto tan importante". O alcalde da vila do Morrazo tamén quixo dirixirse aos homes presentes na actuación e sinalarlles que "é moi importante que os homes asistamos a este tipo de actuacións reivindicativas e ademais comprometámonos a loitar pola igualdade. Temos que combater actitudes e comentarios machistas intolerantes".

"Mulleres en Acción. Violencia Zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente se celebra este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).

Galería de fotos