Noticias

Co plan de mellora da Deputación o castelo de Sobroso rexistrou en xullo un 5 % máis de visitantes que en 2017

Máis de 2.400 persoas coñeceron o mes pasado o recinto histórico no que o Goberno provincial investiu máis de medio millón de euros


14 agosto 2018
Castelo de Sobroso

Máis de 2.400 persoas se achegaron o pasado mes de xullo ao castelo de Sobroso, para coñecer o recinto histórico e os seus arredores, rexistrando así un incremento dun 5 % no número de visitantes con respecto ao mesmo mes do pasado ano 2017. O aumento coincide co remate das obras de mellora realizadas pola Deputación de Pontevedra, tanto no castelo como na remodelación e posta en valor da zona axardinada.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción polo incremento do número de visitantes, "que manifesta que a remodelación do castelo de Sobroso, o axardinamento do perímetro e a mellora das cubertas desde as que se poden admirar as espectaculares vistas do val do Tea, xa converteron ao recinto nunha das visitas obrigadas na provincia de Pontevedra".

O Goberno provincial investiu 525.000 euros para acondicionar, conservar e manter a edificación do castelo de Sobroso, recuperando a capela e mellorando a cuberta, así como para naturalizar o exterior do recinto e poñer en marcha a senda do bosque atlántico. A presidenta provincial recordou que xunto a estas actuacións, tamén se realizaron acondicionamentos básicos na electricidade, sinalización e iluminación, prevención de incendios e seguridade así como limpeza, execución de dous portalóns de acceso, reparacións de tarima e de escaleiras, e instalación de ventilación e calefacción.

Carmela Silva tamén aproveitou a ocasión para adiantar que en setembro comezarán os traballos de eliminación de eucaliptos para a mellora do bosque atlántico nun terreo de 18 hectáreas que rodea o castelo. A senda do bosque atlántico, arredor de Sobroso, trátase dunha proposta diferente e interactiva, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, para poder coñecer a contorna do castelo e a súa natureza a través de códigos QR que as e os visitantes poden ir descargando durante o seu percorrido.


Novas relacionadas