Noticias

Co amadriñado de Carmela Silva, Culturgal acolle a presentación do libro de Diego Piay ‘María Vinyals, a muller do porvir'

Sete vidas baixo a sombra dun castelo relata a vida da pioneira feminista que converteu o castelo de Soutomaior nun centro de cultura, intelectualidade e progreso


30 novembro 2019
Libro María Vinyals

"Quen sabía de María Vinyals? Quen coñecía a María? Hai unha especie de xustiza poética que nos permite recuperar a figuras históricas coma ela. E a de María Vinyals é unha historia case máxica que naceu da musealización do castelo de Soutomaior, e de aí as cousas foron xurdindo ata chegar a un libro tan especial coma este". Con estas palabras, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amadriñou esta tarde no seo de Culturgal a presentación pública de María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas baixo a sombra dun castelo, un ensaio histórico do historiador pontevedrés Diego Piay, editado por Alvarellos en colaboración coa institución provincial.

A obra, que se publicará en tres idiomas (galego, castelán e inglés), parte dunha profunda investigación e relata a vida da pioneira feminista e da súa familia aportando material inédito, tanto documental coma gráfico e de testemuñas orais. O libro, que repasa polo miúdo as sete vidas que medraron baixo a sombra da fortaleza (en referencia á familia da protagonista) xurdiu da necesidade de achegarlle ao público os resultados do exhaustivo estudio do autor, que se levou a cabo durante o proxecto de musealización do castelo e que foi promovido pola Deputación de Pontevedra.

Na súa intervención, Carmela Silva declarou a súa total admiración por María Vinyals. "Estamos namoradas e namorados da figura desta muller, e coñecela foi unha das cousas máis fermosas que nos pasou nestes anos". A presidenta provincial definiu a Vinyals como unha avanzada da súa complexa época. "Rachou con clixés e estereotipos. Foi unha muller cultísima, escritora, pintora, que se relacionou con todo o mundo da cultura, feminista, viaxeira e progresista. Unha muller rexa coma as galegas e que, malia ser tan viaxeira, acabou dicindo que nunca atopara un lugar tan fermoso coma esta provincia, algo que eu ratifico cen anos despois".

Carmela Silva agradeceulle o seu marabilloso traballo a Diego Piay "como investigador comprometido, creativo e respectuoso, así como a todas as persoas que tanto traballaron nesta investigación".

O autor e historiador pontevedrés falou da obra como "un libro nada convencional, porque xorde da colaboración de moitas persoas, de moitos lugares como Cuba, Galicia, Madrid ou Portugal que cederon documentación vital para esta obra". "Nunca imaxinei que acabaría escribindo un libro de historia contemporánea, porque eu son arqueólogo", proseguiu o autor, e a seguir relatou a enorme experiencia que adquiriu coa a musealización do castelo de Soutomaior. "Aprendín moitísimo. Viaxamos a moitos sitios, tivemos moitas experiencias e coñecín persoas coma Carmela Silva, do que son un grande admirador, porque me sorprendeu moito que, a pesar de todo o seu traballo, se interesase tanto por esta investigación e colaborase tanto connosco". Piay adiantou que no libro se poderá atopar documentación inédita, fotografías e cartas familiares. "A súa familia son esas outras vidas do castelo. Na obra falamos de todas elas con María como fío condutor. É unha historia de amor e desamor, de amizade e de tristura, pero tamén de soños"

Nova exposición no castelo

A aposta da Deputación por María Vinyals continuará en decembro. A presidenta provincial aproveitou a presentación do libro en Culturgal para anunciar que "a partir do día 17 e durante todo o mes de xaneiro" o castelo de Soutomaior será o escenario dunha nova exposición sobre a súa figura. "Un soño chamado Soutomaior: María Vinyals, 1910-1917" será o título da mostra na que, tal e como explicou Silva, abordarase de maneira monográfica os anos nos que Vinyals, o seu segundo marido Enrique Lluria, e as súas fillas e fillos habitaron no castelo.

A exposición, na que se amosarán obxectos que nunca lle foran amosados ao público, estará dividida en catro ámbitos: vida cultural, vida familiar, o sanatorio Lluria e as circunstancias da perda do castelo. Ademais, haberá paneis explicativos para situar as persoas visitantes no contexto da época que se pretende ilustrar, un período no que pasaron polo recinto personalidades políticas, intelectuais e científicas protagonistas da historia do século XX.


Novas relacionadas