Noticias

Cirrios e morcegos volverán ao castelo de Sobroso tras a instalación de niños que favorecerán a recuperación das súas colonias na zona

A Deputación de Pontevedra impulsa esta actuación coa asistencia técnica de SEO BirdLife en defensa da biodiversidade no entorno do histórico monumento


16 decembro 2018
Castelo de Sobroso

Os cirrios, que están experimentando un decrecemento da súa poboación en todo o continente europeo, e os morcegos poderán retornar ao castelo de Sobroso tras a instalación de niños artificiais en distintos puntos da edificación. Esta iniciativa, impulsada pola Deputación de Pontevedra, ten por obxectivo favorecer a formación de colonias destas dúas especies, conservar a biodiversidade e poñer en valor do patrimonio histórico e natural da provincia. A actuación, que contou coa asistencia técnica da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO BirdLife), xurdiu pola necesidade de repoñer os ocos para aniñar que se perderon no entorno do castelo.

A actuación para recuperar as colonias de cirrios e morcegos no entorno de Sobroso consistiu na colocación de caixas-niño para cada unha destas especies. No primeiro caso, procedeuse á instalación de oito refuxios (dous deles na torre e seis na fachada principal) con capacidade para 16 niños. O material empregado é de gran durabilidade e un dos máis recomendados por distintas asociacións conservacionistas de aves. Así mesmo, o modelo en cuña adáptase ás características do lugar de colocación e reduce o impacto visual dende o exterior do castelo. Con respecto aos morcegos, procedeuse á instalación de dúas caixas de madeira no tiro da cheminea da torre pola que acceden actualmente á edificación.

Cirrios e morcegos, xunto a outras especies, atopan nos edificios históricos un lugar ideal de residencia, especialmente nos ocos e saíntes das construcións máis antigas. Porén, os cambios nas estruturas de ditas edificacións poden provocar a desaparición das colonias de aves que aniñan en ditos lugares, ou dos morcegos que habitan neles. Segundo SEO BirdLife, é preciso compensar a perda destes niños no castelo de Sobroso para protexer a fauna local.