Noticias

Chega a edición "máis necesaria e urxente" de "Mulleres que Opinan", encontro que este ano será on line para adaptarse á crise sanitaria

Deputación e Concello de Pontevedra apoian un ano máis o foro das mulleres columnistas, ideado polas xornalistas Susana Pedreira e Diana López, que volverá a converter á provincia nunha referencia da igualdade


11 xuño 2020
Mulleres que opinan

"Agora era o momento de non renunciar a facer este encontro, é necesario e urxente que o fagamos". Con esta declaración de intencións, da xornalista pontevedresa Susana Pedreira, presentouse na Deputación de Pontevedra a edición on line e "exprés" de "Mulleres que Opinan", adaptada ao formato telemático polas circunstancias da crise sanitaria. O evento, un ano máis, contará co apoio e colaboración da institución provincial e do concello de Pontevedra. A Presidenta Carmela Silva e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, xunto á deputada e a concelleira de igualdade, Victoria Alonso e Paloma Castro, arrouparon ás dúas organizadoras do evento, as xornalistas Susana Pedreira e Diana López Molares, que presentaron "un espléndido cartel" que, aínda que de forma virtual, traerá a Pontevedra os días 26 e 27 de xuño a oito columnistas referentes do panorama galego e do estado para facer fincapé na situación "vergonzosa" das mulleres que, pese a ser máis do 63% das persoas graduadas en Xornalismo ocupan posicións residuais nas seccións de opinión e dirección dos medios de comunicación.

"Isto non é ningunha broma, o que acontece co xornalismo é grave e nos ten que preocupar como sociedade" reivindicou Carmela Silva, que cualificou o encontro como "unha extraordinaria idea, un gran acerto, que permite escoitar voces femininas de xornalistas comprometidas coa igualdade", e poñer sobre a mesa os datos "vergonzosos" relativos ao papel das mulleres nos medios de comunicación. "Asinan menos do 21% das pezas de opinión ou só dirixen o 25% dos medios de comunicación. Hai que dar un paso adiante e denunciar, avaliar e traballar para cambiar estes resultados e esixir que as mulleres opinen, porque cando opinan cambian o mundo. Por iso son perigosas". A Covid-19 formará parte do contexto do encontro e a presidenta da Deputación recordou que "os coidados convertéronse no centro de todo e foron as mulleres as que maioritariamente desde a sanidade, a dependencia ou a alimentación, estiveron na primeira liña. Iso si, dixo Silva, cando hai que falar do que aconteceu ou do que vai pasar soamente aparecen os homes. É fundamental que as mulleres falen, opinen, que amosemos rostros de mulleres".

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, centrouse tamén na necesidade da igualdade "para construír unha sociedade máis libre, plural e forte" e de facelo en Pontevedra e con xornalistas pontevedresas: "sempre nos gusta ser referencia". Lores fixo fincapé na "reacción hostil ante os avances do feminismo o que significa que algo estamos a facer ben", destacando o enfoque mediático que establece a unión entre o 8-M e a expansión da Covid-19 "cando esa mesma semana houbo outras aglomeracións como acontecementos deportivos, políticos, concertos e mesmo touradas".

Esta edición do programa "As mulleres que opinan son perigosas", tal e como explicaron Susana Pedreira e Diana López, contará con "mulleres xornalistas moi activas durante esta crise sanitaria, moi potentes, e de diferentes xeracións, que representan aos mass media pero tamén a medios máis pequenos, cunha axenda propia que apostaron nestes meses de confinamento por temas máis profundos, escapando da inmediatez, e  con perspectiva de xénero". A precariedade do xornalismo actuará como "telón de fondo", xunto á propia Covid-19 e á reivindicación do xornalismo local.

O encontro, para o que xa se pode formalizar inscrición (ata o 23 de xuño) a través das webs da Deputación e do concello de Pontevedra, terá lugar a través de Zoom o 26 de xuño pola tarde e o 27 pola mañá, e contará coa participación de Claudia Morán e Tamara Montero en representación de "Xornalistas galegas"; Clara Jiménez, cofundadora de maldita.es; Magda Bandera, directora de La Marea; Noemí López Trujillo, xornalista en newtral.es; e Ángeles Caballero, xornalista de opinión en El Confidencial. Tamén participarán desde a perspectiva local Sara Vila e Selina Otero, xornalistas no Diario de Pontevedra e Faro de Vigo.

Máis información e inscricións en: https://www.depo.gal/encontro-online-de-mulleres-xornalistas-2020

Fotos

Audios

  • Audio