Noticias

Chega a Cuntis a mostra que recolle a represión que sufriron as mulleres da provincia

"Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", organizada pola Deputación, poderá verse na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres ata o vindeiro 10 de xuño


25 maio 2018
Rexas Cuntis

"Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", a exposición organizada pola Deputación para reparar ás vítimas do Alzamento do 1936, ponlle rostro e nome a 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, por mor da súa condición de mulleres, foron obxecto de vexacións de corte sexista. A mostra foi inaugurada esta mañá na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis, onde poderá visitarse ata o vindeiro 10 de xuño. O acto de apertura incluíu unha conferencia, á que asistiu o alumnado do CPI Aurelio Marcelino Rey García, e na que interviñeron a comisaria, a xornalista e escritora Montse Fajardo, e o tamén escritor Héitor Picallo, cun importante traballo a prol da memoria histórica e que ademais é bisneto de Dolores Buján, unha das mulleres recollidas na mostra.

Previa á conferencia, tamén houbo intervencións de benvida do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, da concelleira de Igualdade, Concepción Fernández, e do concelleiro de Cultura, Diego Torres. A comisaria da exposición, Montse Fajardo centrouse na investigación previa que deu pé á mostra e fixo fincapé en que "as mulleres foron asasinadas, exiliadas, depuradas, vexadas, e foron vítimas das mesmas tipoloxías de represión que os homes pero ademais sufriron unha violencia con claras tinturas sexistas e foron rapadas, tatuadas e agredidas sexualmente". A comisaria tamén explicou que a represión tiña aínda unha compoñente máis no caso feminino "non só sufriron represión polas súas implicacións políticas ou sindicais, senón tamén por estar emparentadas con homes perseguidos". Tamén reivindicou o papel das mulleres que quedaron soas, marcadas como roxas, mentres os seus homes foran asasinados ou permanecían no cárcere.

"Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" foi unha mostra organizada xa no pasado exercicio polo Departamento provincial de Cultura e Lingua e que fixera un percorrido por varios concellos da provincia. Debido á alta demanda de concellos e asociacións que traballan na recuperación e na reparación da memoria histórica, a Deputación decidiu manter a mostra na súa programación do ano 2018. Así, tras iniciar a súa itinerancia o pasado mes de abril en Bueu, e unha vez remate a súa quenda en Cuntis, está previsto que pase por O Porriño, Valga, Cangas, Tomiño e Cambados.

Mulleres represaliadas en Cuntis e na súa contorna

No caso concreto das mulleres represaliadas en Cuntis e na súa contorna, Montse Fajardo deulle especial protagonismo ás que denominou como ‘sobreviventes', ás mulleres de homes perseguidos que tiveron que saír adiante soas e convivindo co represor. Moitas delas sufriron as visitas dos fascistas e as súas vexacións, como pasou coa propia Dolores Buján Rajoy, a bisavoa de Héitor Picallo. "Ían na procura do seu home, Manuel Fuentes, e como non o atoparon déronlle tal malleira estando embarazada que ao día seguinte pariu prematuramente" explicou a comisaria. Mencionou tamén o caso de Manuela Alonso e a súa filla, Elena Ferreiro, que foron rapadas polos fascistas tras a detención de Ramón Ferreiro e José Pena –pai e mozo de Elena respectivamente–, pola súa pertenza á Fronte Popular, que Pena lideraba en Cuntis.

Tamén mencionou ás mulleres que sufriron cárcere tras o asasinato dos seus homes, como Rosalía Génova, viúva de José Domingo González Boullosa ou Isaura Pazos, a de Hixinio Carracedo. Ambas foron levadas ao cárcere tras o asasinato dos seus cónxuxes na Estrada mentres as súas criaturas eran criadas por xente allea. A comisaria non se esqueceu da represión que obrigou a tomar o duro camiño do exilio a mulleres relacionadas coa zona como Carmen Gómez, Ana Viéitez, Conchita Pazo ou Placeres Castellanos, o que lle levou a falar da solidariedade da xente de Cuntis, que recolleu sinaturas para evitar o fusilamento do home de Carmen, Xosé Vieitez, mestre na vila, ou da resistencia de xente do común, como Placeres, que acabou formando parte da resistencia francesa contra os nazis tras o asasinato do seu fillo Víctor e o seu home, Victor Fraiz. A irmá deste, Higinia Fraiz, foi depurada como mestra en Bandeira (Silleda) e marchou a Caldas de Reis onde puxo unha academia co seu home, Manuel Tubío, que foi referente para varias xeracións.

Por último, salientou "a importancia desta mostra da Deputación, que nos dá a posibilidade de cumprirlle o mandado a Ramón Fernández Rico, tenente alcalde da Estrada que antes de ser fusilado polos fascistas dixo: "Lembrade o noso martirio". Fajardo indicou que o seu caso foi especialmente cruel pois ao ano seguinte da súa morte, morreron na miseria a súa viúva, Pura Prado, e cinco das súas criaturas.

A historia de 172 mulleres

A exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como desde o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tuteladas por varón, igrexa ou a sección feminina.

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.