Noticias

César Mosquera: "se houbese eleccións a Deputación non lles tería medo; non teriamos problema en revalidar o Goberno"

O vicepresidente da Deputación subliña que o mandato de coalición na institución provincial foi "mellor do previsible" e só tivo unha ‘lagoa': a imposibilidade de chegar a acordos coa Xunta de Galicia


27 decembro 2018
Almorzo infromativo César Mosquera

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, asegurou hoxe que o actual Goberno da institución provincial revalidaría os seus resultados de ser unha administración elixida pola cidadanía grazas ao bo traballo feito durante o mandato. O nacionalista destacou que a coalición entre BNG e PSOE foi mellor do previsible inicialmente e subliñou que só tivo una lagoa importante: a imposibilidade de chegar a acordos coa Xunta de Galicia para o bo funcionamento de servizos en beneficio da cidadanía.

César Mosquera realizou esta valoración nun almorzo informativo no que fixo balance dos tres anos e medio dentro do Goberno e no que subliñou que a equidade e o cumprimento do programa de Goberno foron os eixos reitores de todas as decisións tomadas. Indicou que nestes momentos, a falta de cinco meses para as eleccións municipais, o que queda por facer desde a Administración provincial está xa planificado e xestionado administrativamente en todos os servizos: "queda moito do visible por ver, pero está todo en marcha", subliñou.

Como áreas destacables, Mosquera salientou o plan de compostaxe ‘Revitaliza' que xestiona el mesmo desde a Vicepresidencia, e que a día de hoxe conta con 42 concellos adheridos, unha cifra moito máis elevada da que se agardaba inicialmente e que duplica en número de municipios o plan liderado por Rafael Louzán. En Mobilidade, subliñou, tamén houbo avances importantes en canto ao número de obras planificadas e realizadas, ademais de marcar uns criterios básicos de actuacións sustentables e amables que veñen de facer da Deputación de Pontevedra "unha referencia en tempo récord". Lembrou, de feito, que a política de mobilidade desenvolvida foi exposta en Suecia, en Lima, en varios congresos da Dirección Xeral de Tráfico e recoñecida en numerosos puntos do Estado español.

O vicepresidente fixo autocrítica e destacou que o actual Goberno da Deputación deixa o mandato cunha "lagoa": as transferencias á Xunta de Galicia, coa que foi imposible chegar a ningún acordo. Salientou que non houbo intención de "montar ningunha guerra institucional", mais salientou que a postura do presidente Feijóo é un erro porque impide o bo funcionamento das administracións e os servizos en beneficios da cidadanía. Neste sentido, lembrou a Ponte de Catoira, que unindo dúas provincias e vías de comunicación autonómicas aínda é provincial a pesares de moitas solicitudes de transferencia. "En xeral a actitude da Xunta cara a outras administracións, sobre todo cando non as gobernan eles, é bastante succionadora. Quere centralizalo todo e exportar o que lle convén", afirmou.

En canto á Deputación como institución, o vicepresidente nacionalista destacou que os tres anos e medio que leva no Goberno "reforzaron" a súa visión de que a institución debe reformularse como tal, xa que considera que é un fraude de lei que a cidadanía non poida elixir directamente aos dirixentes provinciais, tal e como se fai nas deputacións forais, nos cabildos e consellos insulares. "Eu estou convencido de que se houbese eleccións directas á Deputación de Pontevedra os nosos resultados ían ser moi bos. Non lle tería medo porque non teriamos problema en revalidar o Goberno", destacou. De feito, Mosquera destacou o escaso nivel político da oposición do PP porque "non len nin os papeis".

Relevo no Museo de Pontevedra

O vicepresidente Mosquera tamén fixo unha valoración do relevo de Carlos Valle na dirección do Museo de Pontevedra. Explicou que o actual Goberno decidiu manter de forma estrita o criterio xa existente de que todos os traballadores da Deputación se xubilen aos 65 anos, lembrando que durante este mandato se xa fixera así noutros servizos como a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, onde se xubilou o seu director Pedro Mansilla aínda sendo unha eminencia mundial no seu ámbito. "Ese foi o criterio que se utilizou. Sabemos que non gustou especialmente, pero así se fixo tamén con xente de moita valía que non se renovou", apuntou.

En canto ao futuro, Mosquera indicou que a Deputación está a traballar nas bases de selección para elixir a nova dirección a través dun concurso por meritocracia "pura e dura". Destacou que a día de hoxe está decidido que o cargo non vai ser para unha persoa funcionaria de forma "eterna", senón que cada cinco anos haberá unha valoración do traballo para que "responda estritamente á liña do que se quere para o Museo: modernizalo" .

Parque de Maquinaria e imprenta

Outro dos asuntos tratados no almorzo informativo do vicepresidente foi a situación do actual parque de maquinaria provincial, localizado en terreos en réxime de concesión de Costas. Mosquera destacou que hai unha vontade política clara de trasladar as instalacións mais, con vistas a non permanecer en situación irregular, anunciou que a Deputación vén de solicitar unha prórroga de tres anos ao departamento estatal.

Por outra banda, subliñou que no caso da imprenta provincial a situación é máis conflitiva pola propia función do servizo. "Somos das poucas deputacións que teñen unha imprenta e é difícil mantela a futuro sen tela autorizada e pola necesaria actualización de maquinaria, co custe que iso supón", salientou.