Noticias

Celebrado o sorteo da fase final do XXII Campionato do Mundo de Balonmán Junior Masculino

O salón de plenos da Deputación de Pontevedra acollía esta mañá o sorteo no que as 24 seleccións participantes coñeceron a súa sorte para a cita mundial do mes de xullo en Pontevedra e Vigo


21 maio 2019
Sorteo da fase final do XXII Campionato do Mundo de Balonmán Junior Masculino

A Deputación Provincial de Pontevedra foi testemuña esta mañá do sorteo do Campionato do Mundo  de España 2019 en categoría  Júnior Masculina, que organiza a Real Federación Española de Balonmán o próximo verán, entre o 16 e o 28 de xullo concretamente, nas localidades galegas de Pontevedra e Vigo.

Celebrado no incomparable marco do salón de plenos da Deputación Provincial de Pontevedra, o sorteo encasillou aos 24 equipos participantes n a fase final, 12 deles de Europa:  entre eles o organizador, España, que dispoñía da prerrogativa de elixir grupo e, por tanto, os rivais na Preliminary Round.

Así, o seleccionador español, Isidoro Martínez, elexía o Grupo A, xunto a  Eslovenia, Serbia, Tunicia, Xapón e Estados Unidos; argumentando que "non foi fácil a elección porque aquí hai que pensar nos cruces e en chegar o máis lonxe posible, e o noso obxectivo por suposto é chegar a semifinais  e aí ser afortunados; por iso, decidimos  ir polo grupo A".

Deste xeito, a distribución de grupos do Campionato do Mundo de España 2019 en categoría Júnior Masculina é a seguinte:

Grupo A | Eslovenia, España, Serbia, Tunicia, Xapón e Estados Unidos

Grupo B | Francia, Exipto, Suecia, Nixeria, Corea e Australia

Grupo C | Portugal, Croacia, Hungría, Brasil, Bahréin e Kósovo

Grupo D | Alemaña, Islandia, Noruega, Arxentina, Dinamarca e Chile

EVENTO EN CLAVE GALEGA

A Deputación Provincial de Pontevedra acollía o sorteo dun dos grandes eventos no calendario do balonmán internacional, unha cita que xunta cada dous anos ás futuras estrelas do balonmán e que o ente dirixido por Carmela Silva apoiou desde o minuto un: "a Deputación de Pontevedra tiña a obrigación de comprometerse con este mundial de Balonmán Júnior Masculino, era un deber e sentímonos moi felices de poder ter un compromiso tan potente con este  evento; vai ser  un éxito total e absoluto porque aquí facémolo todo moi ben, con paixón, co corazón e porque amamos a nosa terra e o noso balonmán".

Pontevedra e Vigo foron da man  da Deputación Provincial de Pontevedra en todo  momento, e de aí a presenza de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Manel Fernández, concelleiro de Deportes do Concello de Vigo.

Miguel Anxo Fernández Lores, apuntou que "quero manifestar a miña satisfacción porque somos sede de novo dun Campionato do Mundo Júnior e é un pracer que este evento vaia a celebrarse  do 16 ao 28 de xullo. Quero resaltar varias cousas: en primeiro lugar a implicación da Federación Galega de Balonmán, que tivo un interese especial por celebrar aquí o campionato, así como da Real Federación Española de Balonmán; e doutra banda, o apoio de institucións como o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e especialmente a Deputación de Pontevedra".

Manel Fernández, sinalou que "é unha satisfacción para nós ser unha das sedes deste evento; esperamos que sexa un acontecemento que teña a máxima repercusión, onde a concellería de Deportes  volva ser unha referencia para o conxunto da cidadanía. Polo tanto, imos gozar todos deste mundial, e os deportistas van ter  a súa disposición e poderán gozar das  mellores instalacións deportivas e da nosa cidade".

MELODÍA DE BALONMÁN

O acto na Deputación Provincial de Pontevedra permitiu ao Comité Organizador do XXII Campionato do Mundo de España 2019 en categoría Júnior Masculina presentar a sintonía oficial da man de Broken Peach, a banda de Rock & Soul galega encargada do sinxelo Fight Together. Ademais, foron os encargados de abrir o evento tocando unha versión do tema Crazy in Love de Beyoncé.

Francisco V. Blázquez, presidente da Real Federación Española de Balonmán , era o encargado de baixar  o pano do acto, cun discurso no que agradecía a "a  presidenta da Deputación  de Pontevedra, secretario xeral da Xunta  de Galicia,  alcalde de Pontevedra, concelleiro de Deportes  de Vigo  e a familia do balonmán, porque hoxe é un día especial e emotivo; todo o deporte español apoia a este  Campionato do Mundo Júnior de Pontevedra  e Vigo, berce do balonmán, do 16 ao 28 de xullo ".

O presidente do ente federativo sinalaba ademais que "poder estar e gozar dun ambiente deportivo con todas as institucións é algo moi grande, e quero destacar o labor de Carmela  Silva por estar sempre á beira  do deporte e os deportistas, así como a da Federación Galega de Balonmán, que fixo realidade este Campionato do Mundo a través do seu traballo; esperamos que este evento  sexa un éxito, nunha  terra que vive o balonmán".

Galería de fotos

Fotos