Noticias

Catro novos concellos da provincia abren as inscricións para o programa "Tecendo lazos" 2018 da Deputación de Pontevedra

Barro, Covelo, Meis e O Porriño inician o prazo para anotarse nos obradoiros que buscan promover espazos de encontro entre xeracións


17 setembro 2018
Tecendo Lazos 2018 programa da Deputación de Pontevedra

Os concellos de Barro, Covelo, Meis e O Porriño abriron os prazos de inscrición en diversos obradoiros do programa "Tecendo lazos" 2018, impulsado pola Deputación de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa que consiste en realizar obradoiros nos municipios adheridos para promover espazos de encontro entre as distintas xeracións familiares, sensibilizando e intercambiando aprendizaxes, recursos, valores e ideas.

No concello de Barro vaise desenvolver o obradoiro Elaboración de Xabóns. O prazo de inscrición está aberto, na Oficina Municipal de Información e Xuventude (OMIX), ata o vindeiro 27 de setembro. En Covelo, mantense aberta a inscrición, no departamento de Servizos Sociais do concello, ata o 5 de outubro e o obradoiro será de Creación de Xoguetes Tradicionais.

Panxoliñas e Bailes Tradicionais será a actividade que vai ter lugar en Meis, con prazo de inscrición aberto na OMIX ata o 8 de outubro. No Porriño, distintas xeracións traballarán en Elaboración de Xabóns e as persoas interesadas poden anotarse, no Centro Cultural Municipal OMIX, ata o próximo 29 de outubro.

Con estes catro novos municipios, na actualidade xa son 10 os concellos que xa abriron o prazo de inscrición nos distintos obradoiros de "Tecendo lazos" 2018. Trátase da Guarda, Tomiño, Ponte Caldelas, Pazos de Borbén, Valga, Portas, Barro, Covelo, Meis e O Porriño. Ao igual que estes concellos, os 38 da provincia adheridos este ano ao programa, irán iniciando nestas semanas as inscricións nos seus obradoiros, que se desenvolverán entre os meses de setembro e decembro.

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 60.000 euros ao programa "Tecendo lazos", no que se poderán desenvolver ata 52 obradoiros. En cada obradoiro poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, tendo un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40 % de menores. A súa duración será de 16 horas lectivas e axustaranse a catro temáticas diferentes: Risas en Familia, Xogos e Xoguetes Tradicionais: Xogando en Familia, O Noso Son: Bailes e Cancións de Agora e de Sempre e Faino Ti.

Todos os obradoiros inclúen o módulo A Historia do Meu Municipio, a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos. Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o Concello da Lama co proxecto Andando Gaña o Muíño, que Parado está Perdido.

Este ano sumáronse 12 concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en "Tecendo lazos" 26 municipios da provincia. En concreto, o ano pasado tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 persoas en cada un dos obradoiros realizados.