Noticias

Catro estradas no Salnés dispoñen xa dun tratamento antiescorregadizo para evitar accidentes

O deputado Uxío Benítez explica que as obras foran propostas polo departamento de Mobilidade para mellorar a seguranza viaria


07 decembro 2017
Estradas do Salnés

Catro estradas da Deputación de Pontevedra na comarca do Salnés dispoñen xa dun novo tratamento antiescorregadizo para evitar accidentes. Estes traballos, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, remataron nos últimos días e tiñan como obxectivo aumentar a adherencia da plataforma para os vehículos mediante unha nova capa de tratamento antiesvaradío para evitar accidentes e, por tanto, aumentar a seguranza viaria.

Os servizos técnicos da Deputación consideraron necesario realizar as actuacións na EP-9103 entre Rampa-Meloxo, no Concello do Grove, desde o punto quilométrico 0+260 ata o 0+680; na EP-9305 entre Coirón-Ribadumia-Leiro, no Concello de Meaño, desde o punto quilométrico 1+950 ata o 2+450; e no Concello de Meis, na estrada EP-9402 entre O Mosteiro-Barrantes, entre os puntos quilométricos 1+170 a 1+290 e o 1+884 ao 1+984, así como na EP-9405 San Martiño-A Armenteira-O Busto, desde o punto quilométrico 0+358 ao 0+497. Estes treitos das estradas presentaban unha necesidade de mellora de estado do firme, que se executou coa actuación en zonas específicas nas que se detectara perigo de escorregadas.

O orzamento para facer estes traballos, que tamén incluíron nova sinalización horizontal, nos que tamén se inclúen outros dous treitos de estradas en Mos e A Cañiza, ascende a 53.259,94 euros. Este tipo de actuacións de mantemento dos firmes das estradas provinciais realizarase a partir de 2018, en lugar de a través de contratos individuais, a través dun novo contrato marco que permitirá axilizar as contratacións para, unha vez detectadas deficiencias nos asfaltados, poder realizar os traballos de acondicionamento sen ter que pasar por un longo procedemento administrativo.

Trátase da primeira vez que a Deputación de Pontevedra pon en marcha un contrato marco que permitirá actuacións puntuais para corrixir pavimentos escorregadizos, fendas, afundimentos ou peraltes defectuosos, entre outras, de xeito eficiente, planificado, áxil e con garantías administrativas.

O Plan de rehabilitación de firmes terá no ano 2018 un orzamento global de 4,4 millóns de euros. A provincia dividirase en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán as responsables da execución das obras necesarias en cada área. O lote que corresponde coa comarca do Salnés e parte da de Caldas incluirá aos concellos de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa, e terá un orzamento para 2018 de 699.868,86 euros.