Noticias

Castrodeza e os castelos de Soutomaior e Sobroso reabren as súas portas este martes na transición cara á nova normalidade

Os recintos estarán dispoñibles para o público con todas as garantías e medidas de seguridade e con plans de continxencia específicos para cada un deles


01 xuño 2020
Castelo de Soutomaior

Os castelos de Soutomaior e Sobroso, ademais do Centro Castrodeza, reabrirán este martes as súas portas con todas as garantías, medidas de seguridade e plans de continxencia específicos para cada un dos recintos, convertendo todos estes equipamentos culturais en espazos seguros. De feito, serán protocolos vivos que se irán adecuando ás novas normas que se vaian aprobando.

En liñas xerais os plans contemplan medidas hixiénicas; recomendacións para persoas visitantes; medidas de prevención; protocolos de actuación concretos para a atención ás persoas visitantes, para reservas e vendas, para servizos turísticos, cesión de espazos, control de accesos e limpeza; e pautas de actuación para as empresas subministradoras, que deberán presentar un plan de medidas hixiénico-sanitarias.

Ademais, nos tres espazos reforzarase a limpeza, ventilación e desinfección; o persoal contará con equipos de protección; haberá controis de temperatura e habilitaranse zonas de espera específicas e medidas de distanciamento social, con marcadores de distancia de seguridade no chan. Será obrigatorio o emprego de máscara en todos os recintos, tanto para o persoal como para as persoas visitantes e, no caso de Soutomaior, ao tratarse dun museo interactivo, serán tamén de obrigado uso as luvas.

Ademais, xa están habilitadas zonas de atención ao público e venda de entradas (aínda que se recomenda a compra en liña e o pago con tarxeta), e percorridos e itinerarios establecidos. O obxectivo: garantir a seguridade das persoas visitantes, sempre respectando as capacidades previstas segundo as fases establecidas no Plan para a transición cara a nova normalidade.