Noticias

"Descubre o espazo interior" de Carolina Buján gaña o concurso de ideas para a campaña de promoción dos viveiros de Lalín e Barro

O certame, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, está enmarcado no Plan de dinamización que desenvolve a Deputación de Pontevedra nos viveiros de empresas


10 novembro 2020

"Descubre o espazo interior" de Carolina Buján Diéguez acaba de ser elixida a proposta gañadora do concurso de ideas para o deseño da campaña de promoción para os viveiros de Lalín e Barro, no marco do Plan de dinamización que desenvolve a Deputación de Pontevedra nestes espazos. En total, presentáronse 7 propostas, 3 en grupo e 4 individuais, cunha gran calidade e eficacia comunicativa.

A idea gañadora, dotada cun premio de 2.000 euros que será entregado nun acto o 24 de novembro, destaca pola súa sinxeleza e claridade, así como polo dobre sentido do slogan: coñecer o interior propio, previo a calquera idea de emprendemento; e coñecer o interior da provincia, onde se sitúa o viveiro. Ademais, as ideas complementarias aportadas (gamificación, podcasts etc.) son relevantes en canto a favorecer a difusión e mellorar a eficacia e impacto da campaña. En concreto, a campaña será implementada polo Servizo de Comunicación da Deputación nun prazo de 2 meses desde o fallo do xurado.

Este certame estaba dirixido ao alumnado e antigo alumnado (que rematase os estudos no 2018 ou posteriormente) de ciclos formativos de Comunicación, Imaxe e Son, Artes gráficas e Comercio e Márketing e das titulacións de Belas Artes, Comunicación Audiovisual e Publicidade e Relacións Públicas. A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, promove distintas iniciativas e actuacións para poñer en valor o emprendemento e a creación de tecido empresarial na provincia e, de maneira específica, na comarca de Deza.