Noticias

Carmela Silva: "cando as mulleres chegamos ás institucións, as institucións cambian"

A Presidenta da Deputación de Pontevedra participou en Moaña na apertura do I Cumio de Alcaldesas "Política en Feminino: unha nova perspectiva nos municipios"


22 xul 2016
Celébrase en Moaña o I Cumio de Alcadesas

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou hoxe que "cando as mulleres chegamos ás institucións, as institucións cambian", explicando que está demostrado que as mulleres exercen a política doutro xeito distinto, "facemos políticas máis pensadas para as persoas, máis humanitarias, máis igualitarias, máis de equilibrio social e máis de redistribución da riqueza". Silva reivindicou así o papel das mulleres na política na apertura do I Cumio de Alcaldesas "Política en Feminino: unha nova perspectiva nos municipios", que hoxe se celebra en Moaña.

Carmela Silva expuxo que as mulleres teñen conseguido importantes avances en representatividade política, pero aínda así "hoxe en día en Galicia hai 39 alcaldesas, que representan o 12,4%, pero o grave é que as mulleres somos a metade da poboación e esta porcentaxe está moi por abaixo do 50%". Engadiu que algo similar pasa co número de concelleiras, que en Galicia é de 1.359, que supoñen o 36,6% do total, tamén aínda lonxe da metade.

A Presidenta sinalou que, se comparamos estas cifras, por exemplo, coas de 1995, onde as concellerías dirixidas por mulleres en Galicia eran só do 11% ou o número de alcaldesas era só de 14, "si que temos avanzado moito grazas ás políticas de igualdade e á loita das mulleres por ocupar espazos públicos, pero aínda nos queda moito por acadar". Silva destacou que non só hai que conseguir chegar ao 50% en representatividade, "xa que se somos a metade da poboación é de xustiza ser a metade", senón que hai que chegar ás institucións para practicar as políticas que favorezan mellores condicións de vida para todos e todas.

Silva fixo un repaso por outros datos que indican que as mulleres cada vez van tendo máis peso nas institucións e gobernos, pero asegurou que aínda hai cifras incribles que non se poden permitir en pleno século XXI. "Non podemos entender que a día de hoxe, sendo a metade da poboación, só haxa 4 presidentas de comunidades autónomas, 6 presidentas de deputacións ou que as alcaldesas de toda España só representen o 19% do total". A Presidenta asegurou que son cifras que non se poden admitir e que hai que denunciar e para iso reivindicou a importancia de foros coma este Cumio.

Carmela Silva gabou así ao concello de Moaña por levar adiante unha iniciativa coma este I Cumio de Alcaldesas, que "permite visibilizar  ás mulleres na política, falar dos datos que nos representan e serve para que toda a sociedade tome conciencia de que temos avanzado moito, pero de que aínda nos queda moitísimo máis por avanzar". Asegurou que é fundamental que esta iniciativa se manteña no tempo, xa que é importante ter un espazo de encontro para "idear estratexias comúns e formular un discurso propio conxuntamente, tendo en conta sempre que as mulleres tamén somos plurais e non somos un colectivo homoxéneo".