Noticias

Carmela Silva visita nas Neves a ampliación do Centro Cultural De Rubiós, unha obra financiada pola Deputación con medio millón de euros

A presidenta provincial resaltou que "a este novo Goberno lle enchen de orgullo actuacións en clave democrática como esta que ademais está ligada á cultura"


20 febreiro 2019
As Neves

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta mañá, xunto ao alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, integrantes do Goberno municipal e o deputado provincial Santos Héctor, as obras de ampliación do Centro Cultural de Rubiós, unha actuación que conta cun orzamento de 499.457,75 euros e que está financiada na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra. Máis polo miúdo, 399.566,20 euros ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o restante a través do Plan Concellos.

Durante a visita, Carmela Silva mostrouse "encantada de que os concellos garantan os servizos a toda a veciñanza e especialmente neste caso no que falamos dun centro ligado á cultura, un instrumento fundamental de desenvolvemento económico e social". Tamén engadiu que obras como esta son "actuacións en clave democrática que enchen de orgullo á nosa Deputación". Ademais, a presidenta da Deputación de Pontevedra felicitou ao Goberno municipal das Neves por levar a cabo un proxecto transformador que a veciñanza exixe e valorou a cordialidade do concello das Neves "especialmente nestes tempos de confrontación e de crispación". Silva engadiu que "desde a nosa chegada ao Goberno estamos a facer un enorme esforzo para que todos os concellos da provincia teñan recursos repartidos con equidade e nesta liña temos un firme compromiso co Concello das Neves, onde investimos preto de 4 millóns durante o mandato".

Pola súa parte, o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, aproveitou o acto para facer público o seu agradecemento a Carmela Silva, afirmando que "este novo Goberno da Deputación de Pontevedra supón un antes e un despois na xestión pública municipal e nós estamos encantados de que tomasen a valente decisión de crear plans como o Plan Concellos para que sexamos os concellos os que xestionamos os cartos en función das necesidades das veciñas e veciños".

A actuación visitada este mércores dota ao Centro Cultural de Rubiós de tres salas polivalentes. Ademais, ampliase o escenario, que incorporará un camerino-almacén; acondicionase a parcela norte como aparcadoiro, e mellorase a accesibilidade e a comunicación dos edificios.

Respecto á obra, Xosé Manuel Rodríguez explicou que "quixemos aproveitar o Plan de Reequilibrio para construír un instrumento social" e engadiu que "estamos a falar dun equipamento musical que non está no centro da vila, senón que está no centro musical da nosa vila, Rubiós, onde ten sentido que estea. Polo tanto estamos a levar a cabo un gran proxecto que servirá para cubrir as necesidades da nosa veciñanza e que servirá para que a nosa sociedade poida seguir formándose e ampliando o seus coñecementos".

4 millóns de euros nas Neves no que vai de mandato

O Goberno de Carmela Silva ten investido no Concello das Neves preto de 4 millóns de euros, o maior investimento feito nunca neste municipio na historia da Deputación.

Só co Plan Concellos, a través da Liña 1, As Neves puido financiar estes anos un total de 39 obras por máis de 2 millóns de euros, e ao abeiro da Liña 3 de Emprego o Goberno local puido contratar a 57 persoas desempregadas para traballar no concello.

Ademais, co vixente Plan Concellos 2019, As Neves dispón de máis de medio millón de euros (556.434,20 euros), un 2,9 % máis que en 2018.