Noticias

Carmela Silva visita na Illa de Arousa as obras de reforma das casas modernistas, "unha gran revolución para a vila e para a veciñanza"

"A recuperación deste espazo servirá para darlle máis dotacións, máis equipamentos e máis espazos verdes á cidadanía"


21 xaneiro 2019
Visita ás casas modernistas na Illa de Arousa

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias Cores, e o deputado de Cooperación, Carlos Font, visitou hoxe as obras de rehabilitación e reforma da casas modernistas e da súa contorna. "Hoxe é un día moi especial porque podo ver en primeira persoa como se vai transformar todo este entorno no que durante anos se planificou a recuperación do espazo público para as persoas", explicou Silva. Trátase dunha obra moi esperada pola veciñanza que conta cun orzamento de 2,6 millóns de euros. Do total, a Deputación achega 1,5 millóns de euros ao través do Plan de Reequilibrio e preto dun millón (932.103,69 euros) mediante o Plan Concellos 2017, 2018 e 2019. Os restantes 167.896,31 euros invísteos o Concello con fondos propios.

Carmela Silva puxo en valor as obras que se están levando a cabo porque supoñen "unha gran revolución do entorno da Illa pero tamén da vida da veciñanza". "Na recuperación deste espazo público, que tamén é institucional e cultural, a recuperación destas tres edificacións permitirá darlle un servizo á cidadanía", destacou Silva. A presidenta da Deputación tamén quixo felicitar ao concello, "que mantivo o soño e a idea deste proxecto, sen renunciar nunca a el, a pesar de que a Xunta de Galicia decidiu abandonar o financiamento desta obra. Porque isto non só se trata de reconstruír pedras, senón de reconstruír historias. Esta idea arquitectónica, pola que quero felicitar ao arquitecto, Manolo Gallego, demostra a intención de recuperar o que outras xeracións foron deixando", continuou a presidenta.

Silva mostrouse moi orgullosa de colaborar co Concello da Illa na recuperación de espazos para a veciñanza. "As administracións, traballando xuntas, van lograr cambiar todo este entorno para darlle máis dotacións, equipamentos e espazos verdes á cidadanía. De feito, todos os proxectos que ideou o concello coa Deputación serviron para transformar, aínda máis e mellor, A Illa. E esta obra de rehabilitación das casas modernistas non é máis ca un exemplo de como se teñen que investir os recursos públicos", detallou Silva.

Pola súa parte, o alcalde subliñou que "é un día histórico para A Illa. É un proxecto que levamos desenvolvendo moitísimos anos e co que pechamos a rehabilitación de todo un espazo que tamén comprende a Casa do Concello, o Museo da Conserva, o peirao, o auditorio e a reforma das tres casas modernistas. Por iso, estamos moi agradecidos á Deputación, que achega unha cifra importantísima para este proxecto que nos permite facer realidade o que é a obra do século para A Illa de Arousa".

Tal e como se explicou na visita, as obras consisten na rehabilitación e reforma das casas nº1, nº3 e nº5, sendo esta última coñecida como "Casa Godoy". Así mesmo, rehabilitarase a súa contorna, o xardín adxacente á casa nº5, as antigas naves de salga e o almacén. Ademais, cada unha das edificacións terá un uso diferente: na vivenda nº1 crearase un espazo polivalente para asociacións culturais que poderá converterse nunha sala de exposicións, de conferencias ou de clases; a vivenda nº3 habilitarase para ser usada por un club de persoas xubiladas; e, finalmente, a "Casa Godoy" converterase en biblioteca pública.

Máis de 4,3 millóns de euros investidos na Illa

O Goberno de Carmela Silva, no que vai de mandato, ten investido no Concello da Illa máis de 4,3 millóns de euros, o maior investimento feito nunca neste municipio na historia da Deputación. Só co Plan Concellos, a través da Liña 1, A Illa puido financiar un total de 5 actuacións. Ao abeiro da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos, nestes tres anos e medio, A Illa puido contratar a 40 traballadoras e traballadores municipais. No vixente Plan Concellos 2019, A Illa dispón de 426.411,35 euros, case un 3 % máis que en 2018.