Noticias

Carmela Silva visita en Vigo as obras financiadas pola Deputación de Pontevedra para a recuperación e posta en valor das ruínas Villa Solita

As obras, que rematarán en febreiro, "van permitir preservar o patrimonio, recuperar o seu valor identitario e devolver un espazo público á cidadanía de Vigo"


20 novembro 2018
Obras Villa Solita

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, supervisou esta mañá, acompañada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, as obras de recuperación e posta en valor das ruínas de Villa Solita, na parroquia de Alcabre. A obra, que ten un orzamento total de 318.952,90 euros dos cales 277.000 proceden da Deputación de Pontevedra e preto de 42.000 do Concello de Vigo, está enmarcada no convenio de colaboración entre ambas institucións para a posta en marcha de actuacións e proxectos na cidade.

Carmela Silva sinalou que "esta reconstrución vai permitir o acceso da cidadanía ao edificio residencial, coñecido como Villa Solita, e ademais tamén vai facer posible a realización de eventos, trátase dun elemento de espazo público que se devolverá ás viguesas e vigueses". Con esta actuación, que está previsto que se finalice en febreiro do ano que vén, preténdese intervir e preservar o patrimonio e recuperar o seu valor identitario, co fin de potenciar a participación da sociedade na cultura mediante iniciativas para o fomento deste equipamento cultural. "O obxectivo é o mantemento deste edificio emblemático para que quede unha sinal clara e potente desta vivenda tan singular", recalcou a presidenta da Deputación.

Máis polo miúdo, neste espazo catalogado no patrimonio cultural de Galicia, a empresa Orega está a realizar unha intervención mínima para preservar o carácter e a estrutura da leira. Ademais, entre as obras que se están a acometer figura a recuperación, limpeza e re colocación dos pavimentos existentes na zona porticada principal e dos percorridos accesibles do interior, así como a incorporación de elementos estruturais para mellorar a accesibilidade. Pola súa banda, tamén se inclúe na actuación un proxecto de iluminación que permitirá poñer en valor o conxunto ao mesmo tempo que terá un efecto disuasorio de actos vandálicos. Por último, levarase a cabo a retirada de elementos que se atopen en mal estado ou presenten corrosión, a limpeza da vexetación e a recolocación de pezas desprazadas.

Villa Solita, tamén coñecido como "Finca Cabrera" ou "Finca da Señorita Nena", é unha construción cun alto valor histórico-patrimonial de finais do século XIX. No Plan Xeral de Ordenación Urbana do ano 1993 a finca recalificouse como edificable ao 50 % sendo cedida a parte da ruína ao Concello de Vigo para establecer un novo uso como centro socio-comunitario.

Fotos