Noticias

Carmela Silva visita en Silleda as obras no contorno do Centro de Saúde e do Centro Social de Maiores "a vila estase a converter no Manhattan do Deza"

A actuación para a mellora de mobilidade e seguridade viaria, cun orzamento de medio millón de euros, está financiada na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra


04 xuño 2019
Visita a Silleda

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e integrantes do Goberno municipal ademais das novas concelleiras e concelleiros electos, visitou esta mañá as obras para a mellora de mobilidade e seguridade viaria no contorno do Centro de Saúde e Centro Social de Maiores. Esta actuación, que conta cun orzamento de 498.391,68 euros, está financiada na súa totalidade pola Deputación, en concreto 448.552,51 euros a través do DepoRemse e 49.839,17 euros a través do Plan Concellos. "Silleda está a converterse en Manhattan, no Manhattan do Deza, porque o certo é que estamos apostando moito en construír espazos para a xente, na recuperación do espazo público e en converter ás persoas en protagonistas", enxalzou a presidenta.

Durante a súa intervención, Silva aproveitou para reclamar que "a Xunta de Galicia aprobe dunha vez un fondo local incondicionado para que todos os concellos poidan ter recursos con criterios obxectivos que permitan que se repartan con transparencia os recursos públicos" e engadiu que "de feito, estes días coñecíamos como a Administración do Estado elaborou un informe onde se cuestiona como moitas administracións reparten as subvencións, sen transparencia e sen criterios obxectivos". Neste eido, a presidenta da institución fixo fincapé en que "queremos administracións transparentes que repartan os recursos con criterios e obxectividade, a democracia así o esixe" e avanzou que no vindeiro mes de xullo vai convocar a todos os alcaldes e alcaldesas dos gobernos locais de menos de 20.000 habitantes para que "xuntos e xuntas estruturemos cal vai ser a acción de goberno e as políticas que imos desenvolver para facer que esta provincia siga crecendo, siga xerando oportunidades, actividade económica e emprego, políticas para que a xente teña todos os dereitos". Para rematar, Carmela Silva destacou que "a Deputación de Pontevedra vai seguir tendo un firme compromiso co Deza porque consideramos que este é un espazo do territorio da provincia con moito futuro".

Pola súa banda, o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, agradeceu á institución provincial "polo apoio que sempre recibimos, sen ser un apoio diferencial cos demais concellos, porque o diñeiro é de todos os veciños e veciñas e hai que repartilo por igual" e destacou que "esta é unha actuación importantísima que servirá de exemplo do que vai a ser o novo núcleo urbano de Silleda e a nova forma de encamiñar a vila". Ademais, Cuiña adiantou que "en mes e medio verémonos de novo aquí inaugurando esta obra".

Máis polo miúdo, a actuación contempla as obras na rúa avenida do Parque, que entronca con dúas estradas provinciais, a EP 7201 e a EP 6517. Así, nas obras que se están executando proxéctase a rehabilitación superficial de firmes de calzada para os carrís de circulación. Tamén, nos puntos de plataforma sobreelevada, onde coinciden na mesma cota calzada e beirarrúa, os pasos de peóns serán resoltos con pavimento de lastra de formigón. Para as beirarrúas proxéctase maior anchura en numerosos puntos, tamén se fará un pavimento de baldosas de granito de cor gris fronte ao Centro de Saúde, e para a rede de saneamento implantaranse sistemas de redución do caudal de escoamentos en orixe, mediante sistemas de infiltración.

8 millóns de euros na lexislatura

Nos catro anos de lexislatura, a Deputación de Pontevedra leva investidos en Silleda máis de 8 millóns de euros en todas as áreas de goberno. De feito, no vixente Plan Concellos 2019, a institución provincial achega ao municipio 784.466,23 euros, un 3,86 % máis que no exercicio anterior. Ademais, o concello de Silleda tamén se beneficiou dun proxecto do Plan de Reequilibrio para a mellora do campo de fútbol de Bandeira (fase II), que contou cun investimento de 706.136 euros.

Fotos