Noticias

Carmela Silva visita en Meis as obras da praza de España do Mosteiro, "unha actuación integral co fin de recuperar o espazo público para as persoas"

A presidenta provincial destacou que "no anterior mandato destinamos a esta vila tres millóns e medio de euros, o maior investimento da historia da Deputación en Meis"


07 agosto 2019
Carmela Silva visita Meis

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, ao deputado de infraestruturas e vías provinciais, Gregorio Agís, e integrantes do Goberno municipal, visitou hoxe as obras da reforma e adecuación da praza de España do Mosteiro, en Meis, para a mellora da calidade do espazo público. O proxecto, practicamente rematado, conta cun orzamento de 297.170,81 euros, e foi financiado ao 100 % pola Deputación de Pontevedra, con 237.736,65 euros a través do Plan de reequilibrio e 59.434,16 euros a través do Plan Concellos. "A actuación integral que se realizou neste espazo permite garantir os obxectivos de seguridade viaria, cun límite de circulación, e que os peóns sexan os protagonistas, seguindo a nosa liña de recuperación dos espazos públicos para as persoas", subliñou Silva.

A presidenta provincial destacou que "a acción no territorio para crear espazos nos que a xente se poida relacionar, facer que a xente sinta que os pobos son seus, é un proxecto fundamental para nós", e engadiu que "a mobilidade, a seguranza viaria e a accesibilidade son liñas mestras da nosa acción de goberno". Na súa visita, Carmela Silva comprometeuse coa veciñanza a poder abordar a partir de setembro unha solución de mellora da entrada á vila, "cousa que deixou sen facer o anterior Goberno de Meis", e resaltou a súa sorpresa "por que esta acción non estivese incluída no proxecto inicial". Pola súa banda, Silva tamén fixo fincapé en que "no anterior mandato destinamos a esta vila tres millóns e medio de euros, o maior investimento da historia da Deputación en Meis". Para rematar, a presidenta da Deputación amosou o seu orgullo porque "en Meis haxa unha muller alcaldesa. Creo que as mulleres temos que chegar aos espazos de poder, temos que ser visibles dirixindo, e no mundo local queda un treito moi longo por recorrer" e puxo en valor que "nesta provincia, nas últimas eleccións municipais, moitas mulleres chegaron aos gobernos locais, e estou segura de que estes resultados se van a notar e moito".

Coa actuación na praza de España do Mosteiro en Meis buscouse a mellora do espazo público a través dunha reurbanización da praza cun enfoque integral. Neste eido, o proxecto comprendeu a construción dunha plataforma única para eliminar as barreiras arquitectónicas. Para isto, reformáronse as beirarrúas e os accesos ás ramplas, instaláronse bordos de pedra nos estacionamentos e sinalización do eixe viario, mellorouse a accesibilidade e reduciuse o límite de velocidade no contorno da praza, outorgándolles así prioridade aos peóns. Amais, a actuación tamén contemplou a reforma do xardín da Casa de Escudeiro e dos espazos verdes actuais para crear un axardinamento de calidade e a revalorización ambiental do espazo público. Neste caso, plantáronse conxuntos vexetais, diminuíronse os muros existentes para mellorar a integración e a visibilidade e instalouse un sistema de rego. Tamén, para mellorar os espazos e construcións que dan servizo á praza, creouse un gran soportal na fachada do edificio multiusos, instalouse un quiosco metálico tradicional e creouse un espazo de xogo para persoas de idade avanzada. Por último, substituíronse os farois por uns novos de forxa e luminarias LED e instalouse mobiliario urbano.

3,5 millóns de euros no primeiro mandato

Nos catro anos do anterior mandato a Deputación de Pontevedra investiu en Meis preto de tres millóns e medio de euros en todas as áreas de Goberno, o maior investimento da historia da Deputación neste Concello. De feito, no Plan Concellos 2019 a institución provincial achegoulle ao municipio 493.833,62 euros, un 3,18 % máis que no exercicio anterior. Amais, o Concello de Meis tamén foi beneficiario do Plan de reequilibrio, con 237.736,65 euros para o proxecto da citada reforma da praza de España do Mosteiro.

Fotos