Noticias

Carmela Silva visita en Marín as obras de humanización da rúa Concepción Arenal e do novo parque infantil Eguren, financiadas pola Deputación de Pontevedra

Durante a visita, Carmela Silva e a alcaldesa María Ramallo destacaron a cordialidade e lealdade institucional entre a Deputación e o Concello de Marín


30 outubro 2018
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou xunto a alcaldesa de Marín, María Ramallo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou xunto a alcaldesa de Marín, María Ramallo, dúas das obras financiadas pola institución provincial ao abeiro do Plan Concellos. En concreto, as actuacións que supervisou a presidenta foron a humanización da rúa Concepción Arenal, obra xa rematada, e a renovación do parque infantil en Eguren, que iniciarase proximamente.

Durante a súa visita, Carmela Silva destacou a relación de lealdade institucional co Concello de Marín e agradeceu "á alcaldesa a cordialidade que sempre ten coa Deputación de Pontevedra". Tamén apuntou nesta liña que "a cidadanía esixe que haxa unha boa relación institucional que garante que a veciñanza teñan todos os dereitos e os servizos que demandan xustamente".

Na mesma liña, María Ramallo destacou as inversións realizadas pola Deputación ao abeiro do Plan Concellos, resaltando que "con este Plan da Deputación fixéronse moitas obras importantes en Marín. Este Plan supón unha colaboración fundamental entre a Deputación e os concellos facilitando que se fagan inversións efectivas que vaian en beneficio da calidade de vida dos veciños e veciñas de cada concello".

En canto á humanización da rúa Concepción Arenal, esta actuación recibiu unha achega da Deputación de Pontevedra de 237.153,03 euros. A obra, financiada a través do Plan Concellos 2017, consistiu na ampliación das beirarrúas, a renovación de redes de renovación de redes de pluviais e de saneamento, colocación de novos sumidoiros, pozos de rexistro, acometidas domiciliarias e alumeado. Ademais tamén colocouse mobiliario urbano novo.

Sobre esta obra, Carmela Silva resaltou que "é unha obra que cumpre coa demanda da cidadanía de recuperar o espazo público. É importante que os peóns recuperen o espazo que ata fai uns anos só tiñan como protagonistas os vehículos".

Pola súa banda, no parque Eguren vaise levar a cabo a instalación dun novo parque infantil de recreo cun investimento da Deputación de Pontevedra de 161.472,08 euros con cargo ao Plan Concellos 2018. Sobre esta importante obra, Carmela Silva sinalou que "deste parque van poder desfrutar moito tanto os nenos e nenas da vila como os seus pais e nais, que poderán gozar dun espazo con seguridade e tranquilidade". Ademais, apuntou que "os espazos para a rapazada hoxe en día son limitados e deben crecer con certa independencia".

Para rematar, sobre o Plan Concellos 2018, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que "o vindeiro luns, en Xunta de Goberno, aprobaremos a última partida deste Plan para Marín, que este ano recibiu 1.772.748,51 euros, o que supón un incremento do 72,5 % con respecto ao exercicio anterior". Máis polo miúdo, explicou que esta última partida será de máis de 200.000 euros e servirá para pavimentar diferentes viarios rurais da vila.

Ademais desta última achega e da renovación do parque Eguren este ano, a través da liña 1 do Plan Concellos, Marín tamén contou co financiamento do acondicionamento do viario de praias a San Blas, por importe de 41.726,08 euros; da mellora e renovación do alumeado público na Brea-Ameal, por 49.168,36 €; do sistema de retención e desbaste automático de sólidos no bombeo e augas residuais de Loira, por 90.606,69 €; da pavimentación dos accesos á barriada de San Pedro, por 89.752,16 €, e a humanización da rúa Inferniño, entre o camiño do Cemiterio Vello e a rúa Concepción Arenal, por 299.695,67 €.

En canto á liña 3 o Concello de Marín recibiu 106.004,16 euros para a contratación de 16 traballadores e traballadoras: 13 persoas para o persoal de obras e 3 para conserxería.

Ao fío dos investimentos da Deputación de Pontevedra, a presidenta tamén destacou durante a súa visita que "nos tres de anos de lexislatura o Goberno destinou ao Concello de Marín case 5,5 millóns de euros".

Fotos