Noticias

Carmela Silva visita en Cuntis as obras do saneamento na Casiña financiada na súa totalidade a través do Plan Concellos da Deputación

"Ao mundo rural hai que garantirlle que ten futuro e para iso é preciso proporcionarlle os mesmos servicios e dereitos que a calquera persoa no territorio", declarou a presidenta


06 xuño 2019
Visita a Cuntis

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado provincial Carlos Font, ao alcalde en funcións de Cuntis, Manuel Campos, e concelleiras e concelleiros do Goberno municipal, visitou esta mañá en Cuntis as obras do saneamento no lugar da Casiña, na parroquia de Arcos. Esta actuación, que conta cun orzamento de 100.000 euros, finánciase ao cen por cen a través do Plan Concellos 2017. "Ao mundo rural hai que garantirlle que ten futuro e para iso é preciso proporcionarlle os mesmos servizos e dereitos que a calquera persoa no territorio. O rural é fundamental para a provincia de Pontevedra", declarou a presidenta.

Na súa intervención, Silva puxo en valor ao concello de Cuntis, "é moi importante na provincia, ten moitas posibilidades de desenvolvemento económico ligado á paisaxe e ao patrimonio natural e termal", e engadiu que "todo isto temos que desenvolvelo para garantir que siga medrando como o fixo durante os últimos catro anos". Neste eido, a presidenta tamén salientou que "en Cuntis fanse proxectos de política social que son unha referencia para toda a provincia" e aproveitou para felicitar ao alcalde en funcións polos resultados das pasadas eleccións que "se deben, entre outras moitas cousas, ao seu traballo durante 4 anos, 365 días ocupándose e preocupándose dos seus veciños". Para rematar, Carmela Silva amosou unha vez máis o seu compromiso "para seguir traballando e seguir apostando por todos os concellos da provincia de Pontevedra". Pola súa parte, o alcalde de Cuntis destacou a importancia desta actuación para a parroquia de Arcos "que cambiou o sistema de saneamento no núcleo da Casiña" e agradeceu á Deputación de Pontevedra "porque todo o que se investiu en Cuntis este anos foi gracias á institución que preside Carmela Silva".

Máis polo miúdo, a finalidade da obra é dotar dunha nova rede de colectores de augas residuais na Casiña, e a súa conexión co colector principal que remata na depuradora de Piso. Así, a actuación comprende a instalación dun colector principal , que conta con 10 pozos intermedios; outro colector paralelo, con 7 pozos; e un último colector, tamén con 7 pozos intermedios, para dar servizo ás vivendas situadas ao leste da EP-8403. Ademais, a acción tamén comprende a instalación dun pozo de bombeo ao final do tramo.

Na visita tamén se puxo en valor a construción, xa avanzada, da nova senda peonil que discorre ao carón do río da Patela e remata no antigo matadoiro, unha senda de 359 metros, financiada con fondos do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. Tanto a presidenta como o alcalde de Cuntis resaltaron o obxectivo desta actuación para a recuperación das ribeiras do río e a mellora das condicións ambientais e do seu valor paisaxístico para o uso e goce da veciñanza, así como un novo atractivo turístico para o reclamo de visitantes.

Máis de 3,5 millóns de euros na lexislatura

Nos catro anos de lexislatura, a Deputación de Pontevedra leva investidos en Cuntis máis de 3,5 millóns de euros en todas as áreas de Goberno. En canto ao vixente Plan Concellos 2019, a institución provincial achega ao municipio 558.860,63 euros, un 3,08 % máis ca no exercicio anterior. Ademais, ao longo dos catro anos de mandato, Cuntis puido financiar un total de 37 obras a través da liña 1 do Plan Concellos por preto de 1,5 millóns de euros. No que respecta á liña 3 de Emprego, este municipio puido contratar a 75 traballadores e traballadoras municipais. Pola súa banda, o concello de Cuntis tamén foi beneficiario o Plan DepoRemse cun total de 499.162,80 euros para a remodelación e mellora da seguridade viaria do polígono industrial.

Fotos