Noticias

Carmela Silva visita en Catoira as obras do centro de activación cultural Torres do Oeste, que suporá "un antes e un despois" para a vila

A presidenta puxo en valor esta actuación que dotará de equipamento ao edificio "para convertelo nun lugar de visita habitual do turismo de interior"


05 febreiro 2019
Centro de Activación Torres do Oeste Plan de Reequilibrio

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Catoira, Alberto García, e o deputado provincial Santos Héctor, visitou hoxe as obras do Centro de Activación Cultural Torres do Oeste, que está a ser rehabilitado para albergar un museo de temática viquinga. "Quería ver en primeira persoa as obras de reforma deste centro que suporá un antes e un despois para Catoira, un pobo cunha enorme potencialidade e atractivo e cunha historia viquinga que o diferenza", explicou Silva. Trátase dunha obra moi esperada pola veciñanza que conta cun orzamento de preto de 490.000 euros. Dese total, 386.958 euros achégaos a Deputación ao través do Plan de Reequilibrio mentres que, os restantes, proveñen do Plan Concellos: 55.740,05 euros da anualidade de 2018 e 40.999,45 euros de 2019. Polo tanto, esta obra está integramente financiada pola institución provincial.

Carmela Silva asegurou que está "encantada con este tipo de proxectos porque os pobos teñen que ter iniciativa para diferenciarse, ser únicos e atraer visitantes. Hoxe, a xente móvese para vivir experiencias e buscan actuacións como a que se está a levar a cabo aquí en Catoira. Era preciso que nesta vila se construíse un centro onde poñer en valor toda a historia viquinga. Facía falla a estrutura, o equipamento, un lugar no que a xente poida encherse de contidos, de información e, así, poder converterse nun lugar de visita habitual do turismo de interior".

Silva mostrouse moi orgullosa "da actividade que o Concello, o alcalde e o Goberno local veñen desenvolvendo para converter a historia da vila nun elemento de atracción do século XXI". A presidenta tamén quixo poñer en valor "a importancia de Catoira a nivel internacional como centro de celebración de congresos que atraen a persoas de toda Europa". Ademais, fixo fincapé en que "a Romaría Viquinga é unha historia de éxito pero, a maiores, este centro cultural dará un paso máis para que a xente visite Catoira ao longo de todo o ano".

Pola súa parte, o alcalde subliñou que "o Centro de Activación Cultural vai ser un centro de referencia para o coñecemento do Alto Medievo galego e viquingo a nivel internacional. Este edificio vaise converter no principal receptor das e dos visitantes ás Torres do Oeste porque, ademais, está estratexicamente situado para que as e os turistas pasen antes polo centro. Por iso, hoxe é un día feliz para todas e todos os catoirenses porque este centro servirá para activar a cultura, non só da provincia de Pontevedra, senón tamén de Galicia".

Tal e como se explicou durante a visita, nas obras deste Centro de Activación Cultural Torres do Oeste repararanse os elementos construtivos deteriorados, completaranse as instalacións e dotaranse de equipamento. O obxectivo é converter o edificio nunha especie de museo de temática viquinga onde se poidan expoñer algúns dos máis valiosos restos arqueolóxicos que se teñen atopado na zona. Para iso, o centro dividirase en tres plantas: a planta baixa será unha sala de exposicións permanente cun deseño semellante a unha embarcación viquinga e onde, a través das distintas vitrinas, se explicará a historia do xacemento, a incursión viquinga en Galicia e outras curiosidades; a planta soto será unha sala audiovisual onde se proxectarán documentais sobre a importancia do Ulla e a súa relación co pobo viquingo; a primeira planta será unha zona de xogo onde as crianzas poderán recibir charlas explicativas e organizar actividades didácticas.

Case 5 millóns de euros investidos en Catoira

O Goberno de Carmela Silva, no que vai de mandato, ten investido en Catoira case 5 millóns de euros, o maior investimento feito neste municipio na historia da Deputación. Só co Plan Concellos, a través da Liña 1, Catoira puido financiar un total de 9 actuacións. Ao abeiro da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos, nestes tres anos e medio, Catoira puido contratar a 31 traballadoras e traballadores municipais. No vixente Plan Concellos, Catoira dispón de 426.791,7 euros, un 3,04 % máis que no exercicio anterior.

Vídeos