Noticias

Carmela Silva visita en Campo Lameiro o inicio das obras do futuro centro de estancia para maiores, "unha obra moi demandada pola veciñanza"

Coa nova infraestrutura financiada pola Deputación co Plan de Reequilibrio, as persoas maiores disporán dun espazo con sala de usos múltiples, ximnasio ou fisioterapia


13 decembro 2018
Campo Lameiro

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns, visitaron hoxe o inicio das obras de construción do futuro centro de estancia para maiores, situado a carón da Igrexa de San Miguel do Campo. É unha obra incluída no Plan de Reequilibrio impulsado pola Deputación, cun orzamento total de 517.003,71 €, dos que o Goberno provincial achega 367.003,71 euros. Concíbese coma unha nova infraestrutura para as persoas maiores do municipio, onde haberá espazo para fisioterapia e rehabilitación, ximnasia ou sala de usos múltiples.

Carmela Silva sinalou que se trata dunha "obra moi importante e moi demandada por Campo Lameiro. É ademais unha desas obras moi necesarias hoxe en día porque cada vez a nosa poboación é máis maior e demanda que haxa servizos coma este, que permitan manter e mellorar a súa calidade de vida". A presidenta destacou ademais que o futuro centro de estancia intégrase de xeito moi respectuoso no entorno que o rodea, "é unha edificación moderna do século XXI, algo que se corresponde á perfección coas demandas da xente no século XXI, que piden protexer o noso patrimonio tanto arquitectónico como paisaxístico".

A presidenta felicitouse pola calidade deste proxecto, "unha obra moi funcional, unha obra pensada para que a xente a poida gozar e para que a veciñanza teña todos os servizos, vivan onde vivan. Non pode ser que as grandes poboacións teñan todos os servizos e as pequenas non. Todo o contrario, os concellos pequenos aínda deben ter máis apoio porque teñen menos recursos". Neste sentido é no que se insire o Plan de Reequilibrio, dirixido aos municipios de menos de 20.000 habitantes para o financiamento de dotacións singulares para a mellora do equilibrio territorial na provincia.

Pola súa banda, o alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns, destacou "a sensibilidade da Deputación cos concellos pequenos, que neste caso, grazas ao Plan de Reequilibrio poderemos sacar adiante un edificio moi demandado polas veciñas e veciños desde sempre". O rexedor explicou que no verán xa estará lista esta nova infraestrutura que será xestionada directamente polo municipio "e permitirá, por encima de todo, atender aos nosos maiores, que é unha das grandes demandas actuais dos pequenos concellos do rural".

Máis polo miúdo, o centro de estancia de Campo Lameiro desenvólvese nunha única planta, integrándose perfectamente no entorno e empregando unha sinxela combinación de formigón e madeira. Incorpora tamén grandes ventás, que permiten un maior contacto entre o interior e o exterior, participando do espazo urbano que o rodea. O edificio aproveita o desnivel propio do terreo para situarse nunha cota inferior aos elementos protexidos da zona: igrexa, praza e cruceiro. O edificio construirase coma un bloque contedor de actividades, agrupadas por familias e conectadas por un único distribuidor, con dúas zonas de espera, onde se enlazan os distintos espazos diferenciados: administración, instalacións, fisioterapia e rehabilitación, hixiene e ximnasio. O espazo máis amplo será a sala de usos múltiples. O ximnasio estará adaptado para maiores e aberto ao exterior, o que permitirá continuar as actividades fóra nun circuíto biosaudable. O espazo de fisioterapia contará cunha ou dúas salas para atender as necesidades e os coidados das persoas maiores.

Máis de 2,7 millóns de euros de investimentos en Campo Lameiro

O Goberno de Carmela Silva, no que vai de mandato, ten investido en Campo Lameiro máis de 2,7 millóns de euros, o maior investimento feito nunca neste municipio na historia da Deputación. Só co Plan Concellos, a través da Liña 1, Campo Lameiro puido financiar un total de 13 actuacións, por case 850.000 euros. Ao abeiro da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos, nestes tres anos e medio, Campo Lameiro puido contratar a 39 traballadoras e traballadores municipais.

No vixente Plan Concellos, a Deputación xa adxudicou o 100 % dos investimentos postos a disposición de Campo Lameiro,  por un total de 632.457,66 euros, un 73,88 % máis que no exercicio anterior. Con estas achegas, Campo Lameiro puido financiar a adecuación de camiños a Congosta, A Lagoa, Canellón Carballeira e Camiño de Laxe, por 77.418,50 euros; o reforzo de pavimentos, peches e muros, por 88.118,44 euros; o reforzo da capa de rodaxe do firme dos camiños Couso, Armonda 1-2, Painceiros e Liñares, por 48.202,53 euros; e varias actuacións en vías públicas Gargallóns1, Gargallóns 2, Gargallóns 3, Punto Limpo e Parque Infantil Castriño, por 72.201,68 euros. Ademais, Campo Lameiro recibiu esta ao, ao abeiro da Liña 3 de Emprego, un total de 83.000 euros para a contratación de 10 traballadoras e traballadores municipais.

Campo Lameiro conta tamén cun proxecto financiado a través do Plan DepoRemse para a peonalización da Rúa José Antonio e conexión entre a casa consistorial e a barriada Chanciña, para o que a Deputación achega 386.964,19 euros dun total de 425.660 euros.