Noticias

Carmela Silva visita as obras do novo edificio polideportivo de Crecente financiadas co Plan de Reequilibrio da Deputación

A presidenta sinalou que "dotar á vila de equipamentos coma estes son medidas fundamentais para que a xente quede no territorio e non marche cara outros lugares"


22 xaneiro 2019
Crecente

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, e o deputado de Cooperación, Carlos Font, visitou hoxe as obras do novo edificio polideportivo, das pistas de pádel, e da mellora de accesos e servizos na rúa García Neira. Silva amosou a súa satisfacción "polas actuacións que se están a realizar en Crecente con este Plan de Reequilibrio que lle vai dar máis servizos ás veciñas e veciños da vila, neste caso especialmente aos nenos e nenas". O proxecto, que conta cun orzamento total de 463.004,19 euros, está financiado ao cen por cen pola institución provincial a través do Plan de Reequilibrio, que concede 370.403,35 euros, e do Plan Concellos 2018-2019, que achega os 92.600,84 euros restantes.

A presidenta da Deputación puxo en valor as medidas que se están levando a cabo porque "son fundamentais para que a xente quede no territorio". "Se non teñen equipamentos e dotacións, a xente marchará cara outros lugares que llos ofrezan", destacou Silva. A presidenta provincial tamén quixo felicitar ao goberno de Crecente pola súa aposta "por investir alí onde están os equipamentos e dotacións centralizadas para que se poidan dar mellores servizos" e engadiu que "isto é algo que ten que acontecer no século XXI en todos os concellos, xa que a diversificación ten un custe non asumible tanto para os concellos como para a mobilidade das persoas". Para rematar, Carmela Silva subliñou que Crecente tamén vai contar coa financiación do Plan DepoRemse, que pretende darlle unha maior accesibilidade, mobilidade e mellores conexións ás entornas onde están os equipamentos e dotacións "cunha maior afluencia de xente". Neste eido, o alcalde agradeceu á Deputación "estes plans que puxo en marcha porque fan posibles todas estas medidas tan positivas". García Luengo tamén subliñou o Plan DepoRemse que "lle vai dar acceso, entre outros, ao centro de saúde, a residencia da terceira idade ou a escola infantil. Estamos humanizando e innovando a vila grazas á Deputación".

Tal e como se explicou na visita, este proxecto contempla a construción dun edificio polideportivo, con diversas salas e pista de pádel cuberta, máis unha pista de pádel descuberta. Ámbalas dúas actuacións emprázanse ao noroeste do pavillón, na esquina formada polos taludes do colexio e do viario de acceso, e para a súa execución vanse construír novos muros de contención que permitan a inserción do volume do polideportivo e da explanada da pista exterior. Máis polo miúdo, o edificio contará na planta superior con varias salas para realizar actividades deportivas a cuberto e un espazo destinado a polideportivo ou sala de baile e reunión. Amais, tamén se van realizar diversas infraestruturas urbanas no ámbito de acceso, así como acabado en superficie e, incluso, sinalización viaria.

Preto de 3,2 millóns de euros investidos en Crecente

O goberno de Carmela Silva, no que vai de mandato, ten investido no concello de Crecente preto de 3,2 millóns de euros, o maior investimento feito nunca neste municipio na historia da Deputación. Só co Plan Concellos, a través da Liña 1, Crecente puido financiar un total de 20 actuacións por case un millón de euros. Ao abeiro da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos, nestes tres anos e medio, Crecente puido contratar a 31 traballadores e traballadoras municipais.

Amais, no vixente Plan Concellos 2019, Crecente dispón de 404.621,59 euros, un 3,07% máis que en 2018.