Noticias

Carmela Silva traslada o seu pesar polo falecemento de Jimmy Moncrieff, director do proxecto internacional "Follow the Vikings"

A presidenta da Deputación expresou o dó do Goberno provincial polo pasamento do artífice da integración de Catoira neste e noutros proxectos de atracción turística para a vila


10 febreiro 2017
Catoira Torres Oeste

O Goberno provincial da Deputación de Pontevedra, a través da súa presidenta, Carmela Silva, trasladou esta mañá o seu dó polo falecemento do escocés Jimmy Moncrieff, director do proxecto internacional "Follow the Vikings", no que se atopa integrado o Concello de Catoira e que persegue facer a herdanza viquinga accesible ao gran público, impulsando a economía e o emprego local.

Jimmy Moncrieff foi un axente moi activo na proxección turística internacional deste concello da provincia de Pontevedra. De feito, foi Moncrieff quen, ademais de impulsar e dirixir o proxecto "Follow the Vikings", anunciou a adhesión da vila de Catoira ao Itinerario Cultural Viquingo, un proxecto do Consello de Europa. Moncrieff tivo a ocasión de visitar a vila en dúas ocasións, entre elas durante o seminario "Presentando os viquingos" desenvolvido o ano pasado e no que estivo presente a presidenta provincial, Carmela Silva.

Por este motivo Carmela Silva trasladou o seu dó e o de todo o Goberno provincial pola perda dun home cun fondo coñecemento da importancia do patrimonio e das oportunidades de Catoira como destino turístico internacional, ao levar dúas décadas á fronte da Shetland Amenity Trust, organización que o levou a establecer relacións con Catoira debido ás súas tradicións viquingas.