Noticias

Carmela Silva traslada as condolencias do Goberno provincial ás familias das vítimas do accidente da AP-9

As bandeiras das sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo ondean a media hasta en sinal de respecto e dó polo falecemento das mozas de Redondela e do mozo de Pazos de Borbén


30 maio 2019
Bandeiras a media hasta no Pazo Provincial

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladou esta mañá as condolencias do Goberno da institución provincial ás familias, amigas e amigos das dúas mozas de Redondela e do mozo de Pazos de Borbén, falecidos onte á noite no tráxico accidente da AP-9 ao seu paso por Teis. As tres vítimas mortais do sinistro e os dous mozos feridos estudaban no mesmo instituto de Redondela onde eran moi queridas tanto nesta vila como en Pazos de Borbén, xa que en Nespereira vivía un dos falecidos.

Desde esta mañá, as bandeiras da Deputación de Pontevedra nas sedes de Pontevedra e Vigo ondean a media hasta en sinal de respecto e dó. "Creo que neste momento toda a provincia de Pontevedra quere estar a carón das familias, das amigas e dos amigos das mozas e do mozo de Redondela e Pazos, e da veciñanza destas vilas. De verdade que o sentimos moitísimo, asegurou a presidenta, eran persoas moi novas e tiñan toda a vida por diante". Carmela Silva tamén amosou a súa preocupación polo estado do condutor e do copiloto, tamén de Redondela, que están feridos, a quen lles transmitiu o seu desexo de pronta recuperación.

A presidenta provincial trasladou "un abrazo moi grande" ás familias afectadas polo accidente, "e o noso agarimo aos pobos de Redondela e Pazos en nome do Goberno provincial". Do mesmo xeito tamén quixo agradecer o traballo das persoas e dos servizos de emerxencias que prestaron a súa axuda tralo sinistro.