Noticias

Carmela Silva destaca a ocupación hoteleira da comarca de Vigo cun 87 % en agosto, catro puntos por riba da media provincial

Na comarca viguesa os datos de turismo rural superaron o 74 %, os albergues rozaron o 84 %, os cámpings o 83,3 % e as vivendas turísticas o 100 %. A presidenta da Deputación sinalou que "estamos a falar duns resultados espectaculares"


06 setembro 2019
Balance comarca de Vigo

A comarca de Vigo rexistrou en agosto, tal e como informou esta mañá a presidenta da Deputación, unha ocupación media do 87 % o que a sitúa en catro puntos por riba da media provincial (83 %). En concreto, a cidade de Vigo mantivo a media comarcal, do 87 %, acadando o 100 % durante a organización do Marisquiño. Ademais, vilas da comarca como o caso de Baiona a ocupación chegou ao 90 %.

A presidenta da Deputación manifestou a súa satisfacción por uns resultados "espectaculares", que proveñen dun estudo rigoroso procedente do Big Data, a través de fórmulas estatísticas que garanten un nivel de confianza do 95 %. Tamén asegurou Carmela Silva que os resultados veñen revalidar os xa acadados no pasado mes de xullo en Vigo e que son "os mellores da historia", ao superar as 100.000 pernoitas (un 10 % máis que en xullo do 18 fronte ao crecemento do 6,7 % rexistrado no resto de Galicia). Ademais Silva destacou que "as persoas que veñen a Vigo alóxanse cada vez máis tempo e invisten máis na cidade, datos que son aínda mellores se temos en conta de que agosto deste ano foi, segundo os informes de Meteogalicia, o segundo mes coa temperatura máis baixa da década e con precipitacións que o sitúan como o máis húmido do último lustro". Neste eido, a presidenta provincial fixo referencia a datos recentemente publicados "como que xa son máis dun centenar os restaurantes e cafés que facturan máis dun millón de euros en Vigo e preto dunha vintena o número de hoteis e moteis que facturan a mesma cifra, o que ven a referendar a excelencia do momento que vive a cidade".

Con respecto ao turismo rural os resultados foron cualificados pola presidenta da Deputación tamén como "excepcionais", cunha media na comarca de Vigo que superou en agosto o 74 % de ocupación. No que respecta aos albergues chegou ao 84 % e os cámpings ao 83,3 %, oito puntos por riba da media provincial. En canto ás vivendas turísticas, en Vigo a ocupación foi do 100 %.

Carmela Silva tamén aproveitou a ocasión para dar a coñecer as estimacións, "con moita prudencia", para o mes de setembro e que sitúan a porcentaxe na comarca de Vigo nun 54 %, é dicir, agárdanse tres puntos máis que a media provincial (51 %).

No que respecta á provincia de Pontevedra, a ocupación en agosto situouse no 83 % o que a converte, en palabras de Carmela Silva, "novamente no puntal turístico de Galicia". En canto ao turismo rural a porcentaxe rozou o 84 %, alcanzando o 85 % os albergues e o 75,3 % os cámpings. Para setembro, a estimación de ocupación hoteleira, cualificada pola presidenta provincial como "moi prudente", agárdase do 51 % en todo o territorio da provincia.

No relativo ás persoas que visitaron as oficinas de Turismo Rías Baixas en agosto o 85 % proviña de territorio español e o 15 % do estranxeiro. A porcentaxe maioritaria contaba con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos, aloxáronse en hoteis entre 7-15 días e viñeron motivados pola cultura, ocio, gastronomía e natureza.

Ademais, en agosto, máis de 5.900 persoas visitaron o castelo de Soutomaior e 3.300 o de Sobroso e 43.876 persoas percorreron os camiños pola provincia durante o primeiro semestre de 2019. A vía máis transitada é a Portuguesa, con 30.534 peregrinas e peregrinos (un 13,33 % máis que o ano pasado) e a que experimenta un maior crecemento con respecto ao ano 2018 é o Camiño Portugués pola Costa, cun
82,5 % máis de persoas usuarias.