Noticias

Carmela Silva sinala o servizo de implantación da administración electrónica da Deputación como "un referente en Galicia e en España"

Un total de 47 concellos da provincia se beneficiarán desta iniciativa, en 18 o proceso xa está comezado e chegará nos vindeiros meses a outras 29 vilas


17 marzo 2017
Administración electrónica

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou hoxe que o proceso de implantación da Administración electrónica levado a cabo pola institución provincial nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia "é un modelo e un referente tanto en Galicia como en España". Grazas a este proxecto, un total de 47 concellos da provincia de Pontevedra van poder dispoñer dunha sede electrónica personalizada para a súa relación coa cidadanía e, por outra banda, un portal para que o persoal da administración local poida realizar a xestión integral dos procedementos e expedientes por medios electrónicos.

Ata o momento xa son 18 os concellos nos que se comezou a implantación: Pontecesures, Arbo, Ponteareas, Portas, Valga, Salceda de Caselas, Forcarei, A Guarda, Agolada, Cerdedo-Cotobade, Cangas, Cambados, Mondariz, Fornelos, Barro, Lalín, Cuntis e Tui. En cinco deles o proceso xa se atopa finalizado e outras 29 vilas da provincia xa teñen aprobados os convenios coa Deputación de Pontevedra que lles permitirán poñer en marcha este servizo.

A Presidenta, Carmela Silva, sinalou que "o Goberno estatal e a Xunta de Galicia teñen a mala costume, que considero anticonstitucional, de aprobar leis competencia da administración central e autonómica que obrigan ás administracións locais a pór en marcha proxectos sen darlles recursos". Carmela Silva asegurou, ao abeiro desta situación, que "teño que dicir con orgullo, pero con certa indignación fronte a esas administracións que imposibilitan o cumprimento dunhas leis que teñen sancións, que a Deputación de Pontevedra é un referente en Galicia e en España por este apoio que dá aos concellos para poder cumprir coa lei e pór en marcha o proceso de implantación da Administración electrónica".

Este servizo, "ao que a Deputación de Pontevedra achega máis de 800.000 euros para levar a cabo competencias que son da Xunta de Galicia e do Goberno estatal", lembrou a Presidenta provincial, vaise estender a distintos lugares do territorio estatal. Carmela Silva avanzou que "nas últimas reunións da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) ofertamos a nosa colaboración e persoal técnico para que outras institucións provinciais leven a cabo este proceso de implantación". Isto é así porque moitas delas "non están sendo capaces de facelo ben porque non é suficiente o ancho de banda, ben por posuír lugares no seu territorio onde non hai cobertura de Internet". Froito desta proposta, asegurou Carmela Silva, "a FEMP creou unha comisión de traballo con persoal de distintas deputacións para abordar a solución axeitada".

Para iso, o vindeiro día 23 "participaremos na FEMP en Madrid no Encontro de persoal técnico de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares, que ten por obxectivo definir os alicerces que faciliten establecer unha estratexia conxunta para a implantación dun modelo integral e sostible de administración electrónica". Ademais en Santiago de Compostela, os días 23 e 24 deste mes, a institución provincial participará como relatora no II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica en Galicia.